Fundación Manuel María de Estudos Galegos
Datos da edición
Reseña
Inclúe un código para a descarga dun DVD con dez poemas recitados por Manuel María.
As rúas do vento ceibe é outra das grandes obras de referencia da poesía "infantil" de Manuel María, ao lado d´Os soños na gaiola. Ten unha orientación máis urbana e introduce as nenas e os nenos no coñecemento de Galiza e da súa historia.
O libro está ilustrado por Xaquín Marín.
Escolma
CARTA AOS NENOS QUE PODE SERVIR DE PRÓLOGO A ESTE LIBRO
Moi queridos nenos:
Velaquí o meu segundo volume de versos para nenos galegos. Tiña que ser. Este servidor, con case medio século ás costas que me florea nas barbas, sentiuse na obriga e sobre de todo na necesidade de escribir de novo para os nenos. Para todos os nenos galegos, e dun xeito particular para os nenos da cidade, un tanto esquecidos no outro meu libro para rapaces, Os soños na gaiola.
Nos versos deste libro quixen contar dun xeito elemental, sinxelo e esquemático, o que é Galiza, o que foi Galiza. E acender en vós -que sodes o porvir- a chama dunha esperanza para que fagades a Galiza do futuro: unha patria ceibe e popular.
Posibelmente que alguén diga que o presente libro ten certo didactismo. É verdade. Coido que a poesía que non nos ensine algo -o que sexa- non é poesía. Se estes poemas, sinxelos e simples, vos deprendesen a amar a nosa patria Galiza, este voso vello amigo sería o home máis feliz do mundo.
Moitas grazas unha vez máis.
MANUEL MARÍA