Noticias

Vinte anos con Manuel María

img-20240912-wa0004.jpg

artigo de Mª Pilar García Negro en Nós Diario

Manuel María naceu o 6 de Outubro de 1929, en Outeiro de Rei. Faleceu o 8 de Setembro de 2004, na Coruña. Tamén en Setembro (o día 10 de 2022) faleceu Saleta Goi, a súa muller e persoa imprescindíbel na súa traxectoria como escritor. O proprio autor celebra monograficamente este tempo no seu Poemas ao outono (1977): Veleiquí, Outono, grande puro, / vestindo ao mundo de dourado, / con saibo a mosto fermentado, / a mazá, a sal, a grao maduro. / Veleiquí Outono, nel procuro / o rumor do vento namorado, / o laio do mar ben concertado / e o claro misterio máis escuro. / Veleiquí Outono, fosco e ledo, / con brasas secretas, soedosas, / acesas nas brétemas do medo. / Veleiquí Outono, xa sen rosas, / sementando mágoas misteriosas / no meu corazón ceibe e acedo.
 
Non por casualidade, pois, a Fundación Manuel María organiza a celebración anual dunha homenaxe de vida ao escritor que lle dá nome, sob o rubro “Lúas de Outono”. Este ano, na súa XV edición, contará coa presenza da escritora Eva Veiga e do grupo musical Os Carunchos. O teatro Rosalía de Castro, da Coruña, sempre fica pequeno para todo o público asistente. A Irmandade Manuel María lembra, todos os anos, no maravilloso campo de Santa Isabel, á beira do maxestoso Miño, a persoa e a obra do noso escritor, sempre o día 8, o día exacto do seu pasamento. A Fundación Manuel María, con sede na súa Casa-Museo en Outeiro de Rei, organiza actividades de proxección cultural periodicamente desde a súa constitución, reedita obras do autor e mesmo obra inédita ou de difícil acceso. Tamén o premio de teatro, con representacións aseguradas, contribúe para unha efectiva divulgación desta arte tan amada e con tanta pericia por un escritor a quen lle acai ben o lema: “Combate contra o silencio”, como evocaba igualmente en artigo recente David Otero. E neste prólogo do outono oficial –o día 11, en Castro de Rei– baixo os auspicios dunha fundación naipela, a que leva o nome de Margarita Ledo Andión, tivemos ocasión de reavivar a memoria do noso admirado e benquerido amigo Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María, a escritora Marica Campo e unha servidora, como introdución do documentario sobre o escritor que a cineasta compuxo sobre el. Aínda poderíamos engadir que Manuel María foi dos poucos escritores que, en vida, asistiu á defensa dunha tese de doutoramento sobre a súa obra, na Universidade da Coruña, grazas ao traballo de tantos anos do investigador e profesor Camilo Gómez Torres.
 
 
Por que esta devoción por Manuel María? Todos coincidimos en que se trata dun clásico da nosa literatura contemporánea, dun autor que soubo conxugar o mellor coñecemento e aprezo da literatura galega anterior a el co espírito máis depurado de innovación, traéndoa ao presente dunha Galiza en que o cambio de rexime non supuxo mudanza do sistema opresivo. M M naceu na fin da ditadura primorriverista, viveu a guerra civil española, a longa ditadura subsecuente, a monarquía parlamentar, a alternancia nos gobernos español español e galego do dúo PP / PSOE... O seu radical patriotismo galego o seu fondo nacionalismo –de pensamento, de sentimento e de acción– non deixou de medrar, malia desencantos ou inquietudes. Desacougo, si, non só polo presente que coñeceu senón por un futuro incerto, coa lingua como preocupación central. Este universo tan rico de escritor multixenérico, da súa lírica, da súa épica e da súa dramática, de incombustíbel conciencia galega, de activo contribuínte ao coñecemento da nosa historia e da nosa cultura, de magnífico coñecedor da fertilidade da cultura popular, de flaxelo do españolismo e da alienación que nos traba..., todo isto ocupou a atención e os afáns dos intervinientes e da multitude de participantes no Simposio Manuel María: Literatura e Nación, organizado en Novembro de 2005 pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e mais a Universidade da Coruña.
 
Coa memoria viva de Manuel María
Non son, pois, vinte anos sen Manuel María. Son vinte anos con el e a súa memoria viva. E eu non podo deixar de nostalxiar a persoa que me distinguiu coa súa amizade e xenerosidade desde aquel lonxincuo 1975 en que o coñecín, da man de meu pai, en Monforte de Lemos. Conservo como ouro un poema que me dedicou, ao xeito de cantiga de amigo, en Febreiro de 2004, pouco tempo antes, logo, do seu falecemento. Benquerido Manuel María, a filla de Ciudadela (como ti o chamabas e era coñecido en Lugo), envíache esta aperta conmovida e agradecida, desde a cidade que coñeceu os teus derradeiros anos. Tentamos seguir o teu exemplo, a túa extraordinaria bonhomía, a
túa sabedoría.