Noticias

Todo pronto para a XIII edición do Convivio da Cultura Galega

convivio26b.jpg

O 11 de xullo, no Campo de Santa Isabel de Outeiro de Rei da Terra Chá

O sábado, 11 de xullo, festexamos a XIIIª edición do Convivio da Cultura Galega no Campo de Santa Isabel, en Outeiro de Rei.
Iniciaremos o día, ás 11.15 hrs, e a Casa-Museo Manuel María será o punto de encontro, onde nos acollerá a música da coral Solfa. De alí, ás 11.45, sairemos camiñando cara ao cemiterio onde levaremos a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta, trasladándonos logo para o campo de Santa Isabel.
Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30, teremos a actuación da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales. Nesta ocasión, a banda estará acompañada por Uxía, que alén de interpretar unha serie de composicións conxuntamente, cantará en solitario algunhas pezas do seu último traballo dedicado a Begoña Caamaño.
Despois, poderemos desfrutar do xantar en convivio (a organización pon as mesas e cadeiras e cada un/unha trae a súa propia comida. Para reservar sitio nas mesas é necesario avisar antes das 17 h do 7 de xullo, martes, a través do whatsapp 698177621 ou por correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal).
A festa continuará pola tarde, ás 16.30, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Sons da Chaira, Música na Eira, Mestura de Nete, o grupo de cantos de taberna de Xermolos, Tradivivas Agra e Parabéns.