Noticias

Reseña da última sesión do mes de xuño do Clube de Lectura Saleta

img-20240615-wa0010.jpg

"Cartos", de Victoria Benedictsson, e "O lume", de David Rubín, foron os libros comentados

Na tardiña do 15 de xuño a Casa Museo as lectoras comentamos Cartos, de Victoria Benedictsson e O lume, de David Rubín. Aínda que Marta Dahlgren, a tradutora da novela sueca, non puido achegarse como estaba previsto, enviounos un texto en relación que foi moi útil para contextualizar esta obra de 1839, na “ruptura moderna feminista escandinava”. Malia desenvolverse no ambiente nórdico decimonónico non nos resultou distante a peripecia da protagonista, que loita para superar o rol de muller sumisa que se espera dela. A desigualdade nas relacións matrimoniais da época contrapuxémola con experiencias próximas a nós no espazo e no tempo, o que nos permitiu ver que non estaba tan lonxe da nosa realidade. Tampouco nos foi alleo Lume, distopía de ambientación futurista, espectacular na ilustración e inquedante argumentalmente polo preto de nós que a atopamos: a presenza constante das pantallas e as inevitables consecuencias do cambio climático están xa no día a día; non parece desatinado un mundo onde só quen ten poder accede ao privilexio da supervivencia.
O petisco poético que acompañou aos saborosos “Chelsea buns” de Cris foi o poema “Para todas as portas valía” da autora homenaxeada este ano coas Letras Galegas. Estes versos de Papagaio axeitábanse tanto para a historia de Selma como para a de Alexander, en loita consigo mesmos e coa sociedade que os condiciona. 
Ao remate da conversa xuntámonos coa rapazada que estaba comentando Ninguén morreu de ler poesía, de Aldaolado, e fixemos unha foto todas xuntas. Este verán imos compartir lecturas: as propostas foron o Libro das colunas, de Luísa Villalta e Besta do seu sangue, de Emma Pedreira. A previsión é falar delas na primeira quincena de setembro.