Fundación Manuel María de Estudos Galegos
26/03/2016 - Casa-Museo Manuel María, Outeiro de Rei
Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra presentarase no auditorio da Casa-Museo o venres 1 de abril ás 20 horas nun acto no que tomarán parte o escritor e académico Darío Xohán Cabana e a directora e guionista do filme, Margarita Ledo.
Celebrado no mundo da creación cultural, a actitude de Manuel María foise labrando a pé dun libro de horas que o levan da inadaptación á acción política. O seu mundo é a fala (tertulias, conversas, tabernas, foros, ágoras, mítines...), o nome das cousas, a palabra pola que accede a se expresar coa terra que tripa e a terra que contempla nunha viaxe infinda.
Entre filme de montaxe de imaxes de diferentes fontes, motivos e épocas e máis filme de rodaxe por entre espazos alegóricos que realizan a "posta en imaxe" da personalidade de Manuel María, o documental pénsase como un eco interior, con elementos moi próximos ás técnicas de "filmar o íntimo".
As interrogantes que o filme intenta desvendar teñen a ver co paso que dá o autor para se pór a escribir en galego a comezo dos anos cincuenta; coa relación empática con lugares de seu e cunha actividade inmensa e diversa que o levou mundo adiante por milleiros de actos, presentacións, feiras, festas, manifestacións...
A directora e guionista Margarita Ledo Andión, chairega de nación como Manuel María, mantivo con el durante boa parte da súa vida unha estreita relación amical e literaria, para alén de arelas, ideas e campos de acción colectiva compartidos. É unha das académicas da RAG que propuxo a Manuel María para lle seren dedicadas as Letras Galegas deste ano 2016. Representa a Academia no Padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
Colaboración no guión: Carme Vidal
Documentación: Margarita Ledo Andión, Carme Vidal e Sira Vidal.
Axudantes de documentación: Silvia Roca e Miguel Fernández
Colaboración especial: Camilo Gómez Torres
Música: Paulino Pereiro
Unha produción de Nós, Produtora Cinematográfica Galega