Noticias

Presentación do libro "Regato do Cepelo", de Fernán Álvarez

1373389296185fotosmanuelmaria_01342.jpg

- Casa-Museo Manuel María, Outeiro de Rei

Participarán na presentación, xunto ao autor, Alfonso Blanco Torrado, Paco Martín e Orlando Viveiro

Ao término do acto haberá unha actuación musical da Escolanía da Catedral de Santiago baixo a dirección de José Luis Vázquez, que estreará unha versión musicada do Poemiña das Penas de Rodas 

O auditorio da Casa-Museo Manuel María acollerá o sábado 11 de xuño ás 19.30 a presentación do libro Regato do Cepelo, do guía de espazos naturais Fernán Álvarez (Rutas Vivas). Trátase dun sistemático estudo monográfico sobre o menor dos cursos fluviais que atravesa a parroquia de Outeiro de Rei, tantas veces presente na obra e no universo de Manuel María, nacido en boa medida da evocación que o poeta lle concedeu. Unha publicación editada pola A.C. Xermolos e pola Irmandade Manuel María, dentro da colección A Pedra Albeira, que quere ser, sobre todo, unha dedicida aposta do autor por achegarse, amosar, interpretar e valorizar os patrimonios próximos, tantas veces esquecidos, desprezados ou excluídos das rutas turísticas "oficiais" e un convite sincero a profesionais e colectivos a unha mudanza de actitude e de discurso na divulgación dos bens paisaxísticos. 

Xunto ao autor participarán da presentación do libro Alfonso Blanco Torrado (presidente da A.C. Xermolos de Guitiriz), Paco Martín (escritor) e Orlando Viveiro (veciño de Outeiro de Rei e divulgador do patrimonio cultural, histórico e paisaxístico do municipio). No acto estarán presentes tamén algunhas das persoas "informantes" que contribuiron para "rescatar" a memoria, parcialmente asolagada, do Regato do Cepelo e axudaron decisivamente a facer este libro. 

Ao término do acto o auditorio da Casa-Museo acollerá unha actuación única polo seu valor: a Escolanía da Catedral de Santiago, baixo a dirección do mestre José Luis Vázquez, estreará en rigorosa primicia unha versión cantada do Poemiña das Penas de Rodas de Manuel María, con música composta pola estudante Lucía Cerviño Sánchez. A entrada é gratuíta até completar o aforo do espazo.