Noticias

O Colexio Raiola de Compostela celebra este sábado a súa festa de fin de curso achegándose a Manuel María

foto0046.jpg

- Casa-Museo Manuel María, Outeiro de Rei

As nenas e nenos do colexio santiagués, na compañía das súas familias e profesorado, visitarán a Casa-Museo Manuel María para coñecer mellor o escritor ao que este ano se dedican as Letras Galegas 

A Escola Infantil Raiola de Santiago de Compostela celebra este sábado 3 de xuño unha festa de fin de curso un pouco lonxe do seu centro e da súa cidade: decidiron facela en Outeiro de Rei, a vila natal de Manuel María, o escritor ao que este ano están dedicadas as Letras Galegas e que, ademais, foi o primeiro poeta en escribir versos dirixidos propiamente ás nenas e aos nenos. Manuel María gustou da poesía desde ben pequeno e, sendo xa escritor, quixo que as nenas e os nenos de Galiza puidesen ter poesía en galego dirixida para eles: que falase de todas as cousas que ás nenas e aos nenos lles poida interesar. Por iso escribiu, primeiro, Os soños na gaiola e, despois, As rúas do vento ceibe, ademais de teatro ou contos, como é o caso d'O bigote de Mimí. 

As pequenas e os pequenos da Escola Raiola virán coas súas familias e co seu profesorado para pasar todo o sábado en Outeiro de Rei e aproveitarán, claro, para coñeceren a Casa-Museo Manuel María coa finalidade de aprender máis cousas sobre un escritor que xa coñecen e co que traballaron moito este curso. Logo comerán moi pertiño: na Carballeira da Santa Isabel, ao pé do Río Miño, o pai de todos os ríos galegos. Un lugar ao que Manuel María ía moito de pequeno e que moito quixo durante toda a súa vida. Na paisaxe da Santa Isabel nacería o seu primeiro libro publicado. 

Desexámoslle a toda a comunidade educativa de Raiola un bo sábado en Outeiro de Rei da Terra Chá e agardamos que leven unha boa lembranza desta xornada festiva!