Noticias

Nova edición do Concurso escolar de recitado "Rosalía sempre viva"

poemas-25a.jpg

Publícanse as bases

Fanse públicas as bases do certame dirixido para o alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos de todos os centros educativos de Galiza.

Estas son:

1.- OBXECTIVO
Este concurso ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía e de Manuel María.
2.- PERSOAS DESTINATARIAS
O concurso ten carácter individual e vai destinado a todo o alumnado galego de Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos.
3.- CATEGORÍAS
Estabelécense as seguintes categorías:
Primeira categoría: 1º, 2º e 3º curso de primaria.
Segunda categoría: 4º, 5º e 6º de primaria.
Terceira categoría: Educación secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos.
4.- FASES
Contémplanse dúas fases:
• Fase de centros:
a) Será organizada por cada centro aténdose unicamente ás bases e condicións que cada un deles estabelecer.
b) Cada centro seleccionará un máximo de 3 alumnos/as por categoría para a súa participación na segunda fase.
• Fase final:
a) Nesta fase participarán aqueles/as alumnos/as que foren seleccionados/as na primeira fase.
b) Consistirá no recitado de memoria de unha única poesía escollida libremente de entre a obra en galego de Rosalía ou de Manuel María.
c) Valorarase a autenticidade e naturalidade do recitado, ton, timbre, ritmo, pausas, dicción, inflexión da voz e expresividade. Tamén se valorará a súa memorización e o seu nivel de dificultade.
5.-PRAZOS
1. Os centros participantes deberán facer a súa preinscrición antes do 7 de febreiro de 2025. Pódeno facer por correo electrónico en contacto@casamuseomanuelmaria.gal. A Casa-Museo confirmará ao centro a recepción da solicitude.
2. En función do número de preinscritos, a organización comunicará aos centros o número de alumnos/as que poden participar na fase final en cada unha das categorías.
3. Os centros deberán comunicar á Casa-Museo antes do 7 de marzo o nome dos/as alumnos/as que participan en cada categoría e o poema que recitarán.
6.-FASE FINAL
A fase final celebrarase na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei – Lugo) o sábado 22 de marzo de 2025.
7.-O XURADO
a) O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes con experiencia nestas actividades. Actuará como secretaria unha persoa representante da Casa-Museo Manuel María.
b) O xurado emitirá o ditame o mesmo día da celebración do concurso e terá un carácter inapelábel.
8.-PREMIOS
a) Os premios na primeira fase, caso de os haber, serán determinados e patrocinados por cada centro.
b) Na segunda fase concederanse un premio para cada unha das categorías 1 e 2 e dous premios para a categoría 3. Os premios serán unha tablet para as persoas gañadoras e un lote de libros para os centros que representan.
Alén disto, cada unha das persoas gañadoras recibirán un diplomaindividual que acredite o premio.
c) O xurado poderá conceder Mencións Honoríficas a aquelas persoas participantes que considerar oportuno, recibindo neste caso os/as galardoados/as un pequeno lote de libros.
d) Todos e todas as concursantes da fase final recibirán un diploma acreditativo de teren participado no Concurso.
9.-OUTROS REQUISITOS PARA PARTICIPAR NA FASE FINAL
a) Cada persoa participante deberá enviar a autorización de pais/nais ou titores/as legais para a filmación da proba e posterior divulgación.
b) O acompañamento do alumnado participante e a súa custodia na fase final correrá por conta das súas familias ou titores/as legais.
A participación no concurso leva consigo a aceptación destas bases.