A fase final desenvolveuse hoxe na Casa-Museo Manuel María
Noa Cabaleiro Ribadulla, do IES n.º1 da Estrada, co videopoema A xustiza pola man, e alumnado do CPR Santiago Apóstol de Narón, co videopoema Negra sombra, resultaron, na mañá de hoxe, gañadores da VIIª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. A estudante estradense e os estudantes naroneses ( Pablo Bollaín Ponce, Pablo Coira Seco, Kiara Fernández Sánchez, Candela Mera Fernández, Anahit Gevorgyan Harutyunyan, Adrián López Fonticoba, Patricia López Pazos, Noa Permuy Díaz, Diego Rodríguez del Pozo, Candela Sánchez Garrido e David Villanueva Villanueva) obtiveron os dous premios outorgados pola Casa-Museo Manuel María durante o acto que se celebrou en Outeiro de Rei (Lugo) e en que se expuxeron os doce traballos finalistas desta edición, entre os máis de medio centenar presentados por distintos centros educativos de toda Galiza.
O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, premiou o videopoema A xustiza pola man, de Noa Cabaleiro Ribdulla, “por unha sobresaliente interpretación da protagonista cuns planos que transmiten plenamente a variedade de emocións que transitan o poema. Pola plasticidade das imaxes e un ritmo na montaxe que contribúen moi notablemente a conducir e achegarnos á palabra literaria”. Así mesmo, premiou o videopoema Negra sombra, do alumnado do CPR de Narón, “polo potente e coherente resultado que consegue esta obra coral en feminino utilizando a iluminación como recurso dramático, complementado cunha posta en escena en branco e negro como única gama de cor”.
Alén dos gañadores, Sofía Regueiro, do IES Monelos da Coruña, obtivo un accésit polo videopoema Rosas, en que o xurado salientou “pola intelixente solución visual que xogando coa dobre cor, a luz e o ritmo, consegue transmitir a beleza da palabra poética”.
O concurso de videopoemas que organiza a Casa-Museo Manuel María ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta sétima edición que se cerrou no día de hoxe contou con participantes de centros educativos de Lugo, A Estrada, Portas, As Pontes, Miño, A Coruña, Vigo, Compostela, Pontevedra, Ourense, Sarria, Nigrán, Ponteareas, Narón, Ames, Zas, Cotobade, Ordes, Fisterra e O Saviñao.