Fundación Manuel María de Estudos Galegos
10/09/2016 - Teatro Rosalía de Castro, A Coruña
A oitava edición da homenaxe a Manuel María que A Coruña acolle cada ano inclúe as actuacións da banda Os diplomáticos de Monte Alto e a dun grupo de cámara que interpretará composicións musicadas por Xosé Carlos Seráns a través dunha proposta titulada Lembrando a Manuel María
O espectáculo, ás 20.30 horas, ten entrada libre até completar aforo
Chega con setembro unha nova edición de LÚAS DE OUTONO, a homenaxe a Manuel María que anualmente acolle A Coruña, a cidade que o escritor escolleu para vivir, xunto con Saleta, a etapa da súa xubilación. Será de novo no Teatro Rosalía de Castro, o mesmo que en 1995 xa acollera a grande homenaxe nacional que na altura se lle tributara ao poeta, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en cuxas iniciativas el sempre tanto colaborou.
Esta oitava edición de LÚAS DE OUTONO contará coa actuación musical da banda coruñesa Os diplomáticos de Monte Alto, que de novo se reúne e sobe a un escenario coruñés para homenaxear ao escritor veciño do mesmo barrio que viu nacer este grupo referencial do rock bravú.
Actuará tamén un grupo de cámara composto por Esperanza Mara Filgueira Rama (soprano), Miguel Vizoso (piano) e Marina Abuín Salgado (clarinete) baixo unha proposta musical titulada Lembrando a Manuel María, con composicións musicadas por Xosé Carlos Seráns.
A entrada é libre até completar o aforo do teatro.