A Casa-Museo Manuel María vén de facer pública a resolución do Xurado da 1ª fase da IIIª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais que ten por obxecto premiar a mellor canción lírica para voz e piano escrita sobre un poema de Manuel María.
O xurado decidiu escoller 5 composicións para pasar á fase final, o máximo que se prevé nas Bases da convocatoria. Unha vez abertas as plicas o resultado é o seguinte:
-O carro, María Mendoza, presentada baixo o lema “Centola da ría”
-Galiza, Saúl Aguado de Aza, presentada baixo o lema “Saudade de Galiza”
-Neno, Saúl Aguado de Aza, presentada baixo o lema “Saudade de Galiza”
-Mito, Luis Serrapio Fernández, presentada baixo o lema “Lual”
-Galicia, Francisco José Carbonell Matarredona, presentada baixo o lema “Dunedain”
A canción gañadora determinarase entre estas 5 finalistas para o que se levará a cabo un concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María o día 26 de outubro do presente ano.
O xurado estivo presidido por Margarita Viso Soto, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga. Como vogal actuou Alejo Amoedo Portela. Catedrático de Música e Artes Escénicas na especialidade de Repertorios con Piano para Instrumentos. Tamén como vogal, Julio Cabo Meseguer. Catedrático no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Actuou de secretario, con voz e sen voto, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María.
O certame, convocado na súa terceira edición, conta cun premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.