Fundación Manuel María de Estudos Galegos
É esta unha exposición de 25 paneis ( 75x53) que ten como obxectivo axudar a coñecer a personalidade e a obra literaria de Manuel María. Os paneis constan de imaxes, textos do propio autor e dunha breve introdución. Estrutúrase en tres grandes grupos temáticos: o que trata aspectos da súa biografía, o que informa sobre a súa obra e os temas da mesma e un último grupo, que dá conta das homenaxes e recoñecementos que recibiu Manuel María.
Eu son Manuel María
Manuel María preséntasenos como el gustaba, a través da súa poesía e da palabra, mediante a que permanece vivo entre nós.
Eu amo a Terra Chá, sempre tan miña.
Son numeros os escritores que na nosa literatura se asocian a unha determinada paisaxe: Novoneyra e O Courel; Avilés de Taramancos e o Barbanza; Pondal e Bergantiños... e, por suposto, Manuel María e a Terra Chá.
Unha biografía poetizada
Non houbo persoa nin acontecemento vital importante para manuel María que non o levase a escribirlle un poema, desde a súa nai ao seu amor, Saleta.
As tertulias da época
O escritor chairego coñeceu na súa xuventude en Lugo e Santiago aos máis destacados escritores galegos do momento: Ánxel Fole, Luis Pimentel, otero Pedraio, Méndez Ferrín, etc.
O universo de Xistral
A palabra Xistral vai ligada ao noso escritor: era o título da revisat en que publicou os seus primeiros poemas, onome da súa libraría en Monforte e o nome dunha editorial fundada por el.
Manuel María e a política
Manuel María participou activamente na vida política galega, sempre no nacionalismo. Foi un dos poucos escritores galegos que converteu a súa militancia política en materia literaria, no seu poemario Poemas para construír unha patria.
Bibliografía
Estamos perante o escritor galego máis prolífico da segunda metade do século XX, a pesar de que moitas das súas obras non se puideron publicar no momento da escrita.
A voz máis caudalosa
Non houbo xénero literario que Manuel María non cultivase: narrativa, teatro, ensaio, xornalismo, e sobre todo, poesía
En galego no mundo
A súa obra foi traducida a numerosos idiomas: catalán, euskera, castelán, inglés, ruso, bretón, etc. Demostrou que ao universal se chega desde o propio. Sempre na lembranza dos máis novos.
Manuel María dedicoulle unha especial atención aos nenos e nenas. Poemarios como Os soños na gaiola ou As rúas do vento ceibe foron o primeiro material didáctico infantil en galego.
Sei o que vale un verso
Manuel maría pensaba que a nosa literatura e a nosa cultura só se podían explicar e entender atendendo á realidade social, política e cultural do noso país.
Poemas á patria
Estamos perante un escritor comprometido con Galiza e co tempo que lle tocou vivir, que compartiu a palabra co seu pobo.
Home do seu tempo
A través da obra de Manuel María podemos percorrer moitos dos conflitos sociais ocorridos en Galiza na segunda metade do s.XX. a súa voz sempre do lado das clases populares, dos oprimidos, dos que sufrían a historia.
O noso idioma é a luz.
Manuel María identifica o idioma galego como os inal de identidade nacional que nos diferencia aos galegos, de aí a súa loita por normalizar a situación da nosa lingua.
Os símbolos que nos legaron
A historia da literatura galega está presente na obra de manuel maría, ben na temática, ben en formas que lembran a poesía medieval na que se abordan os conflitos do ser humano ante a vida.
A paisaxe é fermosa
A súa obra asume desde o primeiro momento a defensa de todos os elementos que conforman a natureza, desde o máis pequeno dos regatos, das árbores, dos ríos.
Cancións de amor
O sentimento amoroso ten na vida e na obra de Manuel María un nome escrito con maiúsculas: SALETA, a súa musa e compañeira desde 1956.
O camiño é unha nostalxia
Todas as paisaxes que Manuel María coñeceu están presentes na súa escrita: os lugares onde viviu (Outeiro de Rei, Monforte, A Coruña, etc) e as terras que percorreu.
O recoñecemento ao autor
Afortunadamente, o escritor chairego conseguiu ter un merecido recoñecemento en vida e foron moitas e merecidas as homenaxes e premios que recibiu.
Na voz dos escritores
Do cariño e da admiración que tiñan a Manuel María os seus compañeiros na escrita son testemuña os numerosos textos que lle dedicaron.
Na voz dos músicos
A poesía de Manuel María ten musicalidade de seu, eis a razón pola que grupos coma Fuxan os Ventos, A Quenlla ou cantantes coma María Manuela ou Suso Vaamonde musicaron tantos dos seus poemas.
Na voz do pobo
A obra de Manuel María revive todos os anos en numerosos recitais que levan a cabo asociacións culturais, nenos e nenas nas escolas, compañías de teatro, etc.
Na memoria de Galiza
Manuel María permanece entre nós porque a súa palabra permanece viva.
Se estás interesado/a en solicitala para o teu centro de ensino, a túa asociación cultural, concello, etc., podes reservala no enderezo electrónico
fundacion@manuelmaria.com