Fundación Manuel María de Estudos Galegos
31/03/2016
Este venres, 1 de abril, ás 19 hrs. o Centro Social Polivalente de Brión acolle a estrea deste espectáculo de monicreques producido por Títeres Alakrán e dirixido polo dramaturgo Roi Vidal.
A obra está destinada a un público infantil e familiar e déixase levar
polo influxo de Alicia no país das marabillas de Lewis Carrol para
ofrecer unha mirada nova sobre os poemas do libro Os soños na gaiola,
co obxectivo de lles achegar aos máis cativos o mundo rural da
infancia do poeta chairego.
Esta adaptación de Os soños na Gaiola constitúe, para alén dunha
homenaxe a Manuel María, unha forma distinta de achegar a súa palabra
poética, grazas aos recursos escénicos e dramatúrxicos que proporciona
o teatro de monicreques. Na obra, o propio Manuel María transfórmase
en monicreque para interactuar cos nenos. Destaca ademais a forte
presenza da música, grazas á cal poemas como O Soñador, Galiza ou O
Río convértense en cancións.
O espectáculo arranca co titiriteiro chegando á vila cunha gaiola
cargada de soños, onde representará os poemas para divertir aos nenos
galegos. Serán eles quen coa súa participación farán posíbel o
nacemento de Alicia, a nena protagonista desta historia. Alicia vivirá
unha serie de fantásticas aventuras na súa viaxe por un mundo que lle
resulta exótico e estraño. No seu camiño atopará toda unha galería de
personaxes marabillosos e sorprendentes que lle irán dando pistas
sobre Galiza. A través de adiviñas misteriosas e versos poéticos
Alicia vai ter que descifrar que diantres é Galiza e onde está
agochada...
Próximas actuacións
Os soños na gaiola de Títeres Alakrán poderá verse nos vindeiros días
na Mostra Titiritando de Emoción de Ribeira, en Pontevedra dentro das
actividades do Correlingua, e en Cambre, Fisterra e Redondela dentro
do ciclo Cultura no Camiño.
Os soños na Gaiola é unha produción de Títeres Alakrán, a compañía do
titiriteiro, actor e escultor Borja Insua, cunha traxectoria de máis
de quince anos como constructor, manipulador e creador de espectáculos
no teatro profesional de títeres. A dirección de escea corre a cargo
do dramaturgo, poeta e crítico teatral Roi Vidal Ponte, do que destaca
a dirección teatral das pezas Matilde, Faraoas, Operación Triunfo e
Illa/Ollo; a biografía de Roberto Vidal Bolaño Fóra de Portas; o
libreto Bailadelas. Mulleres Bolañesas e a realización do documental
escénico Rosalías. Unha vida de luces e sombras.