Noticias

Dispoñíbel para teléfonos Android unha app con poemas de Manuel María

aplicacion-mobil-mm.png

02/06/2016

Foi elaborada para un traballo escolar por Alberto Suárez, alumno de 1º de BAC do IES David Buján de Cambre, a partir doutra iniciativa previa con poemas de Rosalía

A aplicación, gratuíta a través da Play Store de Google Play, permite polo de agora acceder a 10 poemas ilustrados con debuxos elaborados por alumnado do IES cambrés e a outros 11 poemas recitados polo propio Manuel María 

Este curso están a aparecer multitude de iniciativas e ferramentas para divulgar a obra de Manuel María, moitas delas desde o ámbito escolar, elaboradas directamente por alumnas e alumnos en colaboración co seu profesorado. 

Entre as moitas propostas e contidos que se nos van facendo chegar é moi de destacar a app para móbiles Android elaborada por Alberto Suárez, alumno de 1º de BAC do IES David Buján de Cambre, que nos permite desde xa podermos levar connosco a poesía de Manuel María a toda parte: cunha simple descarga gratuíta desde a Play Store de Google Play podemos acceder a 10 poemas magnificamente ilustrados con debuxos elaborados por alumnas e alumnos de Debuxo do IES cambrés e, ademais, a outras 11 composicións na voz do mesmo Manuel María. A intención é seguir desenvolvendo a aplicación de maneira que, ademais, sexa posíbel que cada usuaria ou usuario poida gravar os poemas na súa voz. 

Pódese descargar a aplicación desde esta ligazón: https://play.google.com/store/apps/details?id=appinventor.ai_appmanuelmaria.manuel_maria. Tamén accedendo directamente a Play Store e introducindo como criterio de procura "Manuel María".