Noticias

2023 en 2 minutos: Casa-Museo Manuel María

p1140660.jpg

Vídeo que recolle boa parte da actividade cultural realizada no ano que vén de acabar 

 A Casa-Museo vén de editar un pequeno vídeo onde recolle boa parte da intensa actividade desenvolta no ano que vén de acabar (https://www.youtube.com/watch?v=K8tndENqCYw). Ano este, o de 2023, en que se fixeron, no mes de setembro, dez anos da apertura deste equipamento cuxa finalidade é preservar e difundir, entre a sociedade galega, o herdo material e inmaterial do escritor Manuel María.

Así, nos dous minutos que dura a proxección, hai imaxes da actividade museística a través das visitas que centros educativos, entidades culturais e particulares realizan durante todo o ano á Casa-Museo para coñecer e desfrutar do acervo que nela se contén. Mais tamén o vídeo recolle toda a actividade cultural que a propia Casa-Museo promove e desenvolve para persoas adultas, mocidade e crianzas, quer desde o mesmo equipamento, quer desde outros lugares de Galiza. 

Unha actividade ampla e diversa, cunha resposta moi satisfactoria de público que puido en 2023 desfrutar, tal e como se ve no vídeo, das músicas de Paraíso Canto, Zurrumalla, De Ninghures, Minguante, Faia Díaz e Benxamín Otero, Iria Estévez, Zumaque, Nimbos, 100 voltas, Son de Corda, Berlai, Paco Nogueiras, Brais das Hortas e Pakolas, así como das cancións compostas sobre poemas de Manuel María a través da II edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais; das narracións orais de Quico Cadaval, María de Pontragha, Bea Campos, Ángeles Goás e Paco Campos; dos recitados poéticos de María Barcala; dos filmes e documentarios “Julia”, “Arredor da Roda”, “Ronsel de futuro: historias soterradas” e “Desertores do asfalto”; do teatro de monicreques de Títeres Alakrán e Trécola; da presentación de traballos literarios e de divulgación de Eva Teixeiro, María Xosé Lamas, Manuel Ferreiro e Xoán Costa; dos certames para escolares de recitado poético e videopoemas; das camiñadas literarias e descubertas do patrimonio natural e cultural da comarca da Terra Chá; da lectura dun monte de libros dos dous clubes de lectura da Casa-Museo e do encontro con outros clubes de Foz, A Coruña e Alfoz; dos eventos como o Convivio da Cultura Galega, celebrado en xullo na carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, e As Lúas de Outono, en setembro, no teatro Rosalía Castro na Coruña...