Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, Libro das colunas, de Luísa Villalta, e Senlleiras, de Antía Yáñez foron os libros comentados nas últimas sesións
O 21 de setembro xuntámonos para falar de Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, e do Libro das colunas, de Luísa Villalta, e o 14 de decembro comentamos Senlleiras, de Antía Yáñez.
A poesía remitiu nas dúas sesións a Palestina: na primeira delas polo recitado posterior de Cantos de dor e esperanza, obra na que participaron poetas de Galicia reivindicando a paz e a liberdade nese territorio irmán; na segunda o petisco poético foi “Pequena observación”, de Tawfig Ziad. A resistencia que latexa neses versos serviu de peche de excepción mesmo en clave de violencia de xénero para un serán onde a escrita da autora da Mariña recordounos que a historia se repite unha e outra vez para as mulleres.
Non moi diferente foi a nosa impresión ao respecto da antoloxía de artigos de Luísa Villalta, tristemente vixente en canto á maioría dos temas que debullaba a autora coruñesa entre o 2002 e o 2004. Houbo unanimidade na consideración desta obra ensaística: excelente.
No que se refire ás dúas novelas, de ambientación moi lograda, parecéronnos dúas lecturas moi interesantes, pero esixentes pola ambigüidade dos textos, e polo feito de seren dous relatos entrecortados, ao xeito de puzles que hai que reconstruír aos poucos.
No caso de Besta do teu sangue, que acompañamos con distintas novas referentes á investigacións e recreacións literarias e fílmicas da historia de Romasanta, sorprendeunos o enfoque innovador, o lirismo da narración, e as múltiples referencias sensitivas que contribúen a xerar unha atmosfera envolvente pouco habitual cando o protagonismo recae nunha persoa autora de múltiples crimes. Nese sentido, recordounos a O perfume. Ao noso ver, o gran logro deste libro é combinar con acerto a figura do lobishome coa cuestión da identidade afectivo-sexual, xerando así unha personaxe ambigua, en permanente evolución, que calla moi ben coa escrita en secuencias breves e a estrutura fragmentaria.
En canto a Senlleiras, gustounos a súa construción con dúas tramas en paralelo, a profundidade das personaxes -non só das principais-, a polifonía que xera polo contraste entre uns capítulos -e quen os narra- e outros. Tamén valoramos moi positivamente a introdución de novas xornalísticas que demostran que non se trata de casos illados, senón dunha tendencia, algo que xa denunciara Emilia Pardo Bazán, autora referida en distintas ocasións no texto a través das lecturas das protagonistas. Ademais, deunos para falar da ocultación de figuras femininas destacadas nas Irmandades da Fala, por exemplo, e rescatadas grazas ao labor doutras mulleres contemporáneas como Aurora Marco. Porén, houbo un par de aspectos que non convenceron a unha parte das lectoras: a maneira na que se produce o desenlace e a introdución do paranormal nun relato que, polo demais, resulta realista, malia que na nota final se recoñeza a mistura de realidade e ficción.
A próxima sesión de comentario abordará As voces baixas, de Manolo Rivas, proposta que nos achegou xa hai tempo o Club de Lectura da Asociación Cultural Tempo Novo.