Noticias

A poesía de Rosalía de Castro e Manuel María soou na voz dos escolares que participaron, este sábado, no VIII Concurso de Recitado "Rosalía sempre viva"

20240302_181742.jpg

Pablo García Martínez, do IES de Foz, co poema “Cantan os galos pró día”, Iria Mariño Solla do IES Val do Tea de Ponteareas co poema “Cando a luniña aparece”, Daniela Velo Veiga, co poema “Adiós ríos, adiós fontes”, e Lara Arias Sanjurjo, co poema “Alborada nº1”, estas dúas últimas do CPI de Xanceda (Mesía), foron as gañadoras das súas respectivas categorías.

A poesía de Rosalía de Castro e Manuel María soou na voz dos escolares galegos que participaron, este sábado, 2 de marzo, no VIII Concurso de recitado “Rosalía sempre viva”. Certame organizado pola Casa-Museo Manuel María. 
A actividade desenvolveuse en dúas sesións, de mañá e de tarde, e contou cunha importante participación. O alumnado participante, de entre os 6 e os 18 anos, realizou un excelente concurso cun nivel moi salientábel que puxo moi complicado o veredito do xurado.
Esta era a fase final dun concurso en que os diferentes centros de ensino xa fixeran, previamente, unha primeira fase nos seus centros, enviando un máximo de dous alumnos/as por categoría. Desta maneira o certame no seu conxunto consegue, ano tras ano, a participación dun número moi importante de escolares. 
Os premiados segundo as categorías foron:
-1ª categoría (1º, 2º e 3º de primaria): Daniela Velo Veiga, do CPI de Xanceda (Mesía), co recitado do poema “Adiós ríos, adiós fontes” de Rosalía de Castro, do seu libro Cantares Gallegos.. 
-2ª categoría (4º, 5º e 6º de primaria): Lara Arias Sanjurjo, do CPI de Xanceda (Mesía), co poema “Alborada nº1” de Cantares Gallegos, Rosalía de Castro.
-3ª categoría (Educación Secundaria): Pablo García Martínez, do IES de Foz, polo recitado “Cantas os galos pró día” de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. 
-4ª categoría (Bacharelato e Ciclos Formativos): Iria Mariño Solla, do IES Val do Tea (Ponteareas), co poema “Cando a luniña aparece”, de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro..
Tamén recibiron unha mención honorífica na categoría 2ª, Daniela Otero Fernández, do CEIP Anexo-A Lomba, de Vilagarcía de Arousa, polo seu recitado do poema de Rosalía de Castro “Quíxente tanto meniña”. E igualmente na categoría 3ª recibiron unha mención honorífica Lucía Seoane Fernández do Colexio Marista A Inmaculada de Lugo polo recitado do poema de Rosalía “Adiós ríos, adiós fontes”, e Sara Martínez Quindimil, do CPI de Xanceda, co poema “Tanto e tanto nos odiamos”, pertencente a Follas Novas, de Rosalía de Castro. 
A Casa-Museo Manuel María agradeceu a todos os presentes, alumnado finalista, familias e profesorado acompañante e público en xeral, a súa total colaboración para que a xornada de convivio decorrese con suceso, así como o apoio da área de cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.