BASES
1. FUNDAMENTACIÓN
A Casa-Museo Manuel María ten como obxecto xeral a conservación e difusión da obra do escritor, así como a promoción da cultura galega en xeral. A figura de Manuel María foi fundamental para a restauración da lingua e literatura galegas nos anos da posguerra, a se converter no primeiro autor novo que publicou un libro en galego após a guerra civil (Muiñeiro de brétemas, 1950).
O amplo corpus poético de Manuel María e a súa diversidade de rexistros xustifica dabondo a presente convocatoria.
2. OBXECTO
O Concurso Manuel María de composicións musicais, de carácter anual, ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.
3. ESPECIFICACIÓNS
3.1 Poderán participar todos/as os/as compositores/as que o desexaren, salvo a persoa gañadora da edición anterior.
3.2 A composición deberá ser orixinal, inédita, sen estrear e cunha duración máxima de cinco minutos e mínima de dous minutos e medio.
3.3 O poema será de libre elección da persoa concursante de entre todos os escritos por Manuel María, respectando sempre o orixinal, sen o someter a tradución.
3.4 A composición estará clasificada dentro da modalidade de canción galega.
3.5 Nesta edición a canción estará escrita para a voz de mezzo-soprano con acompañamento de piano.
3.6 Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas cancións.
3.7 Preservarase o anonimato da persoa concursante, de modo que esta indicará un título e un lema como únicos datos identificativos.
3.8 A grafía da partitura deberá ser claramente lexíbel, preferentemente en formato dixital.
3.9 A presentación ao concurso implica a aceptación das presentes bases.
4. PREMIOS
Haberá unha canción gañadora e até catro finalistas. Os autores e autoras destas pezas recibirán un diploma acreditativo, alén de lles seren publicadas as partituras, das cales recibirán 10 exemplares. Esa publicación será ofrecida de forma gratuíta aos conservatorios de música de Galiza.
Outorgarase un único premio en metálico de 1.000 euros á canción gañadora.
5. XURADO
O xurado, nomeado pola Casa-Museo Manuel María, estará integrado por tres persoas de recoñecida traxectoria musical, das cales unha exercerá a presidencia. Alén diso, levantará acta das sesións o presidente da Fundación Manuel María de Estudos Galegos ou persoa en quen delegar, que terá voz mais non voto.
A decisión do xurado será inapelábel.
6. ENVÍO DAS OBRAS
6.1.- Os orixinais enviaranse por correo certificado a: Fundación Manuel María de Estudos Galegos. R/Educación, 4, 7º Dta. 15.011 – A Coruña.
6.2.- Nun sobre enviaranse por triplicado as partituras da peza correspondente, xuntamente co seu audio. Co fin de preservar o anonimato, indicarase unicamente un lema, sen que figure a autoría do traballo. Tamén se incluirá outro sobre pechado que conterá o ANEXO 1 cuberto e asinado e unha copia do documento de identidade; no seu exterior tamén figurará unicamente o lema.
6.3.- O envío tamén se poderá realizar por e-mail a contacto@casamuseomanuelmaria.gal. Aínda así, o Anexo I e a copia do documento de identidade deberán ser enviados por correo postal para dese modo garantir o anonimato da persoa concursante. Neste caso a Casa-Museo enviará á persoa interesada a notificación de recibo ao día seguinte da súa recepción.
6.4.- Se unha persoa presentar dúas cancións a concurso, cada unha delas requirirá o seu correspondente envío individualizado.
6.5. O prazo de admisión de orixinais finaliza o 15 de xuño de 2024, a se entender por tal a data que figurar no selo de Correos.
7. FASES DO CONCURSO
O concurso desenvolverase en dúas fases:
7.1 Na primeira fase o xurado seleccionará as cancións finalistas do concurso, que serán un máximo de cinco. O xurado abrirá as plicas das cancións seleccionadas e a súa relación farase pública na páxina web da Casa-Museo Manuel María (www.casamuseomanuelmaria.gal) o 15 de xullo de 2024. Tamén se comunicará por e-mail ás persoas seleccionadas.
As persoas autoras das cancións seleccionadas, no caso de non o teren feito no momento de presentar a obra, fican obrigadas a enviaren por correo electrónico (contacto@casamuseomanuelmaria.gal), antes do 15 de agosto, o PDF da partitura debuxada en programa informático.
7.2 A fase final determinará a canción gañadora entre as designadas como finalistas na primeira fase. Para iso realizarase un acto con concerto público, ao cal están obrigadas a asistiren as persoas seleccionadas na primeira fase, salvo razón de forza maior libremente estimada polo xurado.
Este acto terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María durante o mes de outubro de 2024. No concerto unha mezzo-soprano e un pianista, determinados pola Casa-Museo Manuel María, interpretarán as cancións seleccionadas na primeira fase, dentro dun recital de cancións galegas.
No propio acto, após a correspondente deliberación, o xurado dará a coñecer a canción gañadora.
Finalmente, entregaranse os correspondentes diplomas acreditativos á persoa gañadora e ás finalistas.
7.3. A Casa-Museo Manuel María publicará as partituras das cancións finalistas antes de transcorreren os cinco meses, con indicación expresa do galardón obtido por cada composición.
7.4. As persoas que desexaren recoller os orixinais non premiados poderán facelo de forma presencial na Casa-Museo Manuel María antes do final do ano 2024.
Outeiro de Rei, 15 de marzo de 2024