Noticias

Instauración do Premio Manuel María á Dignidade Galega

Posta en marcha do Iº PREMIO MANUEL MARÍA Á DIGNIDADE GALEGA. O seu obxecto é distinguir aquela persoa ou institución que destacase na defensa de Galiza.

PREMIO MANUEL MARÍA Á DIGNIDADE NACIONAL

A figura de Manuel María non só atesoura un valor literario primordial senón que constitúe un valor social que debe ser asumido e coñecido por toda a cidadanía galega como un exemplo a seguir. De aí que sexa conveniente recoñecer a quen traballa polos ideais que el defendeu e practicou. Por iso convocamos este Premio. Para recoñecer publicamente a contribución daquelas persoas ou aquelas institucións públicas ou privadas que teñan desenvolvido ao longo do ano 2005 actividades ou promovido iniciativas de calquera tipo con destacadas consecuencias na mellora da nosa dignidade nacional, tanto no ámbito da defensa da identidade cultural como no da responsabilidade social ou en calquera outro que contribúa a alcanzar o mesmo obxectivo.

Bases:

1.- A presentación dunha candidatura ao Premio poderá facela directamente a persoa ou organización que opte ao galardón ou ben ser realizada a proposta dun terceiro, co consentimento expreso do posíbel galardoado

2.- Para presentar unha candidatura será preciso aportar unha Memoria da actuación ou traxectoria que se propón recoñecer (redactada en galego), na cal se especifique o seguinte: a) Persoa ou institución que opta, con expresión de súa personalidade xurídica, datos persoais ou sociais, representante e actividades que desenvolve. No caso de organizacións o consentimento para participar deberá ser expresado a través dunha certificación de extracto de acta en que conste que a xunta directiva ou órgano de goberno equivalente acepta que esa entidade participe nestes premios. b) Descrición da actuación ou traxectoria que se propón galardoar, con detalle dos seus obxectivos e desenvolvemento, distintas etapas, fases e procesos. c) Descrición cuantitativa e cualitativa das consecuencias sociais que poden facela merecedora do Premio. Esta memoria non poderá sobrepasar a extensión de 25 follas UNE A-4 por unha cara e a dous espazos. Se houber que acompañar gráficos, fotografías, material audiovisual presentaranse como Anexo. Se se desexar acompañar material audiovisual deberá ser en soporte DVD, CD ou Vídeo e non deberá sobrepasar os 20 minutos de duración.

O Xurado do Premio poderá solicitar do propoñente a ampliación da documentación aportada para acreditar calquera dos apartados anteriores.

Premios

O premio consistirá nunha peza deseñada por Francisco Xosé Pérez Porto e a persoa ou organización premiada recibirá ademais un Diploma acreditativo do galardón, que lle será entregado no curso dun acto público que se celebrará a tal efecto o sábado 11 de marzo de 2006 na cidade de Vigo.

Se ben haberá un único premiado cada ano, o xurado poderá conceder tamén accésit, que se distinguirá cun Diploma acreditativo, cuxa entrega se realizará igualmente no curso do mesmo acto

Prazos

O prazo para a presentación de candidaturas comeza o día 1 de decembro de 2005 e finaliza o día 10 de febreiro de 2006.

A presentación ou entrega do material referido nas bases farase na Rúa Amor Meilán, 13-15 entrechán, 27.002 Lugo. Tamén no correo electrónico: manuelmaria@manuelmaria.com. Para calquera aclaración pode dirixirse ao Tfno. 982-242 682.

O xurado estará formado por cinco membros, entre os cales un deles actuará como secretario, propostos polas organizacións convocantes do premio.

A participación neste premio supón a aceptación das bases.