Un concerto didáctico interactivo en volta da tradición oral feminina
Este sábado, 5 de abril, ás 20 horas, Proxecto Consoante con Branca Villares e a colaboración de Pablo Pintor presentan, na Casa-Museo Manuel María o concerto didáctico Por que cantan as mulleres?
O proxecto Consoante (pandereteiras), Branca Villares (narrativa, voz, pandeira e percusións de man) e Pablo Pintor (zanfona, clarinete e gaita) farán un concerto interactivo en que ademais de desfrutar co relato e as cantigas, o público asistente participará cantando e dialogando cos sons e os ritmos. Será un concerto “arredor da tradición oral feminina, no que debullamos por que cantamos, que cantamos e como cantamos as persoas. Entendemos os contextos onde tivo lugar a creación e transmisión oral das mulleres cantadoras, homenaxeada neste ano coa celebración das pandereteiras nas Letras Galegas”.
A actividade é de entrada libre até completar o aforo mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621