Actividades

Parabéns, en concerto

Parabéns, en concerto

11/03/2026

Este sábado, 14 de marzo, ás 20 hrs

Este sábado, día 14 de marzo, ás 20 horas, a Casa-Museo Manuel María acolle o concerto do grupo Parabéns. Música tradicional galega, que explora e achega, ao mesmo tempo, novas sonoridades e públicos.
 
Parabéns nace hai máis de unha década, inicialmente como un orfeón de voces masculinas formado polos irmáns Seixo, cun dobre obxectivo: partillar un proxecto familiar ao redor da música e, ao mesmo tempo, pór en valor a riqueza da música e da cultura galega. Co paso do tempo, o grupo foi medrando e evoluíndo. Aquel primeiro formato coral foise abrindo á incorporación de novos membros e músicos, o que permitiu alargar horizontes e explorar novos camiños musicais. Así, Parabéns comezou unha nova etapa, desenvolvendo un proxecto artístico propio e dando paso á composición de temas orixinais. A súa música, que se poderá escoitar este sábado en Outeiro de Rei, mantén sempre unha forte raíz na tradición galega, mais incorpora influencias e ritmos doutras culturas, creando así un estilo que combina identidade, emoción e apertura musical.
 
O concerto é de entrada libre até completar o aforo do auditorio da Casa-Museo, mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.