Os seus "grandes éxitos" serán os protagonistas do seu espectáculo para crianzas e público familiar
Paco Nogueiras estará, este sábado, día 24 de xaneiro, ás 17 hrs, na Casa-Museo Manuel María co seu espectáculo para as crianzas, C@nto contigo, dando así inicio á programación regular que se desenvolve no auditorio da Casa-Museo todos os sábados. Unha proposta, a de Paco Nogueiras, moi festiva, con cancións dos seus anteriores e exitosos traballos “Brinca Vai!”, “Radio Bulebule” e “Extra!”.e na que procura tirar a nosa lingua a voar de maneira lúdica e divertida.
Nestes “grandes éxitos” haberá retrousos e cancións para que as crianzas e as súas familias participen activamente, bailando sen complexos e acompañando coa voz, coas palmas e cos acenos. Paco Nogueiras, cos seus instrumentos, percorrerá por un amplo abano de estilos musicais, desde o techno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, sen esquecer as influencias tradicionais. Será, por tanto, un singular concerto onde a música e o humor transformará o auditorio da Casa-Museo Manuel María nunha festa moi especial onde todas as persoas que acudan serán protagonistas.
Para asistir ao espectáculo é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O billete ten un prezo de 2 euros.