Actividades

Os Carunchos estarán no Convivio da Cultura Galega presentando o seu último traballo en que cantan a Manuel María

Os Carunchos estarán no Convivio da Cultura Galega presentando o seu último traballo en que cantan a Manuel María

A celebración de homenaxe a Manuel María e a súa obra será o próximo 13 de xullo

Este próximo 13 de xullo, sábado, festexamos a XIª edición do Convivio da Cultura Galega. Farémolo como sempre tendo moi presente a Manuel María e a súa obra. Un ano este en que se van facer vinte anos, xa, que finou.
Un dos momentos bonitos deste día será o concerto que para as 18 horas teñen previsto facer Os Carunchos. Entre os carballos, ameneiros e bidueiras de Santa Isabel poderemos desfrutar, cantar e bailar co seu último traballo, en que cantan a Manuel María, Unha gorxa chea de paxaros. 
Mais moito antes, pola mañá, ás 11.15, a Casa-Museo Manuel María será o punto de encontro onde daremos comezo a xornada, coa acollida da coral Solfa. De alí iremos cara ao cemiterio onde levaremos a cabo un pequeno acto en lembranza de Manuel María e de Saleta. 
Xa en Santa Isabel, ao pé do río Miño, e antes do xantar, ás 12.30, teremos a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, nesta ocasión estará acompañada pola cantora Tabea Graser. 
A festa continuará pola tarde, ás 16.30, cunha foliada conducida por Xurxo Souto, e onde non faltará a música de Parabéns, Tradivivas Agra, Vento Mareiro e Reviravolta, que darán posteriormente paso aos  Carunchos.
Durante a mañá, as directivas das entidades que conforman a federación Galiza Cultura manterán un encontro, ás 12.15, no auditorio da Casa-Museo para articular a súa actuación en común.