O coro de cámara Ludus Tonalis protagonizará a homenaxe anual que se lle rende, na Coruña, Manuel María
O mércores 23 de setembro, ás 20.30 horas, volveremos celebrar, no Teatro Rosalía Castro da Coruña, unha nova edición, a XVII, de Lúas de Outono, celebración anual en homenaxe de Manuel María.
Este ano contaremos coa presenza do coro de cámara Ludus Tonalis que será o encarregado de presentarnos unha viaxe polifónica polo universo de Manuel María e a súa obra literaria, alén de trazar unha ponte musical entre a palabra do poeta e outras grandes voces da nosa lírica nacional.
Ludus Tonalis é un coro coruñes, fundado hai case trinta anos, que costuma cantar música antiga, medieval e, sobre todo renacentista, combinada coa interpretación de composicións contemporáneas. Entidade dinamizadora da música coral na cidade da Coruña, conta no seu haber máis de un cento de composicións propias e arranxos e unha intensa actividade interpretativa.
A entrada para asistir a Lúas de Outono é gratuíta mais é necesario ter convite. Para a súa reserva pódese escribir ao whatsapp 698177621 ou ao correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal
Os convites reservados poden recollerse o venres día 18 de setembro, de 11 a 13 hrs, e o luns día 21 de setembro, de 11 a 13 hrs e de 17 a 19 hrs no Espazo Cultural Manuel María (rúa do Socorro, 30, baixo. Frente á Cociña Económica). Ou ben diante da billeteira do Teatro Rosalía Castro, o mesmo día 23 de setembro, a partir das 19.30 horas (a reserva deixa de ser efectiva a partir das 20.15 horas do propio día 23 de setembro).
A actividade conta coa colaboración do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galiza.