Actividades

Este sábado, día 15 de febreiro, proxección do filme protagonizado por Melania Cruz e Fran Lareu, "Contou Rosalía"

Este sábado, día 15 de febreiro, proxección do filme protagonizado por Melania Cruz e Fran Lareu,

11/02/2020

Após a película, haberá un coloquio con Raúl Veiga, guionista da fita

A Casa-Museo Manuel María programa para este sábado, día 15 de febreiro, ás 19 horas, a proxección do filme de Zaza Ceballos, protagonizada por  Melania Cruz (Rosalía de Castro) e Fran Lareu (Manuel Murguía), "Contou Rosalía"
A fita, estreada o 18 de maio de 2018, baséase na vida de Rosalía en Madrid, a mediados do século XIX. Nesta cidade fai vida social, escribe e reencóntrase co historiador Manuel Murguía. Na preocupación por Galiza, as súas xentes e a súa cultura, nace entre eles unha paixón que a escritora non quere ver morrer nas cadeas con que a sociedade da época aferrolla as mulleres. O amor da escritora, desafiando limitacións de todo tipo, desenvólvese no ambiente conspiratorio do final da era absolutista.
Após a proxección, Raúl Veiga, guionista de "Contou Rosalía", manterá un coloquio co público asistente ao filme. Director e guionista de cinema, deuse a coñecer escribindo o célebre vídeo "Veneno puro" (1984, gañador de varios premios internacionais) e pasou á pantalla grande co guión da longametraxe "Continental" (1989). Fixo de axudante de dirección en 1990 e 1991 e dedicouse xa en exclusiva a dirixir os seus propios guións a partir de "A metade da vida" (1994), única longametraxe rodada en galego nos anos 90. "Arde amor" (1999) foi a súa segunda longametraxe e mereceu múltiples premios. Tamén ten practicado a crítica cinematográfica, a análise de filmes –da que resultou o libro "Esta noite no cinema" (2005), finalista do premio de ensaio da AELG– e foi membro do xurado en varios festivais internacionais. O documentario "El médico atento" (2014) é a súa última longametraxe. Tamén escribiu e dirixiu a curtametraxe "El médico seriamente enfermo" (2014). Para alén disto, Raúl Veiga, Manuel Castelao Mexuto fóra do ámbito do cinema, desenvolveu unha longa actividade pedagóxica como catedrático de lingua e literatura galegas no ensino secundario e escribiu distintos libros e artigos sobre literatura galega do século XX, como o recentemente reeditado sobre o teatro de Carvalho Calero,  "Elucidacións na sombra".
A entrada é libre até completar o aforo. Pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal