Actividades

A música electrónica e o pop contemporáneo de Zavala este sábado na Casa-Museo Manuel María

A música electrónica e o pop contemporáneo de Zavala este sábado na Casa-Museo Manuel María

07/04/2026

Estará acompañada das cantareiras Atalaias de Caión

Este sábado, 11 de abril, ás 20 horas, a música pop electrónica, evocadora e intensa de Zavala soará na Casa-Museo Manuel María, nun concerto en acústico, en que a banda ferrolá non estará soa xa que estará acompañada das cantareiras Atalaias de Caión.
 
Carla Romalde (voz, frauta), Carlos Castro “Kos” (programación de bases electrónicas) e Víctor Ledo (guitarra e voz), xunto con Martín Grela (teclado e sintes), ofrecerán ao público presente unha proposta innovadora e contemporánea, chea de carácter e sensibilidade, difícil de clasificar, que mira de fronte ás novas texturas sonoras e onde as súas letras e voces convidan a unha escoita atenta. Proposta que se vai arrequecer, máis aínda, coa colaboración, en distintos temas, das  Atalaias de Caión, que tamén interpretarán algunhas pezas do seu propio repertorio. 
 
Zavala, que apareceu en distintas listas, a inicios de ano, como unha das dez mellores bandas galegas de 2025, conta con dous traballos editados (“Pequeno manual para grandes cambios I (teoría e práctica)”, de 2023, e “Pequeno manual para grandes cambios II (teoría e práctica”) de 2025). Actualmente está a piques de editar o seu terceiro disco de longa duración “Lume” (veñen de presentar o seu primeiro e segundo adianto “Corvo Negro” e “Charly”).
 
Para asistir ao concerto (billete 5 euros) cómpre reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.