A súa directora, Margarita Ledo, manterá, ao finalizar a proxección, un coloquio cos asistentes
A Casa-Museo Manuel María programa para este sábado, 25 de outubro, ás 19.30 hrs, o filme de Margarita Ledo Andión, Prefiro condenarme. Película de oitenta e oito minutos, estreada en 2024, producida por NÓS Produtora Cinematográfica Galega e cuxo reparto está composto por Sagrario Ribela Fra, Nardo Beceiro Ribela, Melania Cruz, Mónica Camaño, Iria Pinheiro e Antón Lopo.
A sipnose da película é a seguinte. A historia de mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, confróntanos cunha nai díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, por mor dunha filla que ten co seu amante, un carpinteiro “digno de querer”. Tal unha nova Antígona, Sagrario colócase fóra da regra e ao desobedecer reivindica, canda a lei non escrita, o desexo. No fondo, a igualdade coas de “arriba” que ninguén critica.
Ao final do filme haberá un coloquio coa súa directora, Margarita Ledo, que estará na proxección deste sábado en Outeiro de Rei. As persoas interesadas poden reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.