Fundación Manuel María de Estudos Galegos
13/04/2016
Redondela emitirá a través da súa radio local, e durante os cinco días anteriores ao 23 de abril, poemas de Manuel María lidos pola súa veciñanza.
Vilalba, San Sadurniño, Xermade, Lalín, A Laracha, Rodeiro son algunhas das localidades, alén das cidades, nas que se desenvolverán a actividade Manuel María na túa voz, promovida pola Fundación Manuel María, e que consiste na lectura pública da obra creativa do escritor ao redor do 23 de abril, Día do Libro.
Os distintos actos que pretenden ser unha homenaxe literaria e popular en que fale o propio Manuel María a través da súa obra, están abertos á participación de toda a veciñanza destes lugares, quer como lectoras, quer como público.
Redondela, a través das súas bibliotecas públicas, radio municipal e servizo de normalización lingüística, tamén se suma á lectura da obra de Manuel María en torno ao Día do Libro. Así durante esta semana a veciñanza está a ler e gravar poemas de Manuel María na radio municipal que serán emitidos nos cinco días anteriores ao 23 de abril.