Noticias

Todo un ano do Clube de Lectura Saleta

img-20250614-as-voces-baixas.jpg

14/01/2026

Reseña destes doce meses de lecturas

Na última xuntanza, o 10 de xaneiro, comentamos O Corpo de Cristo de Bea Lema, unha obra
impresionante no formato -combina debuxo e bordado- e na trama argumental, durísima pero delicada e
profunda á vez. Non nos deixou indiferentes, enganchounos e, as que puidemos asistir o 15 de novembro
ao obradoiro da autora, convidadas polo Club de Lectura da Asociación Tempo Novo, en Elviña, tivemos
ocasión ademais de crear unha peza única: un cadro de tecido cunha escena que nós mesmas deseñamos,
empregando unha técnica semellante ás arpilleiras chilenas.
Grazas a esta actividade conxunta rematamos o percorrido de lecturas do 2025 agulla en man e cantando,
nunha dobre homenaxe ás mulleres que nos precederon, moitas delas costureiras e cantareiras. Outros
libros que nos acompañaron coas súas páxinas o ano pasado foron A esmorga, de Eduardo Blanco Amor,
á que volvemos a maioría de nós aproveitando que as lectoras máis novas do grupo chegaban a ela como
proposta escolar, e data da reunión, o 8 de marzo, propiciou que fiásemos os nosos comentarios cara
unha ollada en feminino desta novela; logo veu Comida para gatos e outras delicatessem indixestas, de
Luz Darriba, un feixe de boas historias, breves pero intensas, cheas de humor e sensibilidade, polas que
nos guiou a autora o 10 de maio; antes do verán chegou ao fin a quenda de As voces baixas, de Manuel
Rivas, posposta en dúas ocasións en espera da viaxe á contorna na que está ambientada: por agora aínda
non fomos, pero esta historia foinos familiarizando coa xeografía da aldea de Elviña e doutros espazos
da Coruña rururbana da segunda metade do s. XX; o 20 de setembro comentamos Detective Ferruchi, de
Marta Villar e Voitres, de Miguelanxo Prado, dúas obras ben distintas malia partiren de cadanseu crime.
Resultou moi interesante contrastar a maneira de construír o relato e de resolver a investigación nas dúas
novelas.
En todas as sesións houbo versos e petiscos, na última ademais puxemos en común as nosas iniciacións
lectoras en relación cos libros que había (ou non) na casa, cos que apañabamos nas bibliotecas e con
outros que foron chegando ás nosas mans, case todos en castelán. Desta volta, tamén o texto poético
chegou nesa lingua, facendo unha pequena homenaxe a Renée Nicole Macklin (“Sobre aprender a
diseccionar fetos de cerdo”). O serán completouse cun soño e cun convite dunha lectora que estaba de
aniversario. Parabéns, Esther! Grazas por tanta xenerosidade!

Galería de fotos

Clube de Lectura Saleta

Clube de Lectura Saleta

 (2025)

Clube de Lectura Saleta

Clube de Lectura Saleta

 (2025)