A gala contará como intérpretes convidados os músicos galegos Patricia Rodríguez Rico, soprano, e Daniel Leiro Castro, pianista
A Casa-Museo Manuel María celebra o sábado, 31 de outubro, ás 17.30 hrs, a gala-concerto da fase final da Vª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A esta fase final accederon cinco pezas seleccionadas entre o conxunto das presentadas a concurso: Agora, que gastei os meus outonos, de David Cuevas Sánchez; Anceio, de Marcel Chirilov Chirilov; Morte de Julio Montero Rodríguez; e Agora, que é o tempo de soñar e Bolboreta, ambas de Saúl Aguado de Aza.
A gala contará como intérpretes convidados os músicos galegos Patricia Rodríguez Rico, soprano, e Daniel Leiro Castro, pianista. O seu concerto constará de dúas partes. Na primeira interpretarán as cinco pezas finalistas do certame, mentres que na segunda -ao tempo que o xurado estea a deliberar para determinar a canción gañadora- o público asistente poderá desfrutar dunha serie de pezas dos compositores Marcial del Adalid, Xoán Montes, Eduard Toldrà, Juan Durán e Antón García Abril baseadas en poemas de Fanny Garrido, Aureliano Pereira, Rosalía de Castro, Antonio Noriega Varela, Xosé Neira Vilas e Álvaro de las Casas.
O concurso Manuel María de Composición Musicais, instituído anualmente pola Casa-Museo, chega este ano á súa quinta edición e conta cun premio en metálico de mil euros para a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María, alén da publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.
Esta Gala-Concerto é de acceso libre e gratuíto até completar o aforo, mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.