A composición gañadora será editada xunto ás outras pezas finalistas nunha publicación que será distribuída por todos os conservatorios de Galiza
Neno, da autoría de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica, para voz e piano, que resultou gañadora da terceira edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais celebrada na tarde de onte, cunha gala-concerto, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.
A gala-concerto contou coa presenza da mezzosoprano Nuria Lorenzo e a pianista Noemí Salomón que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas, O carro de María Mendoza, Galiza e Neno de Saúl Aguado de Aza e Mito de Luis Serrapio Fernández. E nunha segunda parte presentaron en concerto unha serie cancións galegas dos compositores José Baldomir, Juan Durán e Carlos Cambeiro baseadas en poemas de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Manoel Cambeiro.
O gañador desta edición, Saúl Aguado de Aza verá a súa composición editada, xunto ás obras das outras finalistas, nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galiza para que poida ser empregado como material didáctico.
O concurso contou cun salientábel e prestixioso xurado composto por Margarita Viso Soto, Alejo Amoedo Portela e Julio Cabo Meseguer.