Noticias

Mónica Ínsua Torralba e Alicia González Pérez gañadoras da novena edición do Concurso de videopoemas

20260509_131746.jpg

09/05/2026

Esta mañá proxectáronse na Casa-Museo Manuel María os doce videopoemas finalistas

Alicia González Pérez, do Colexio Marista A inmaculada de Lugo, co videopoema Adiós ríos, adiós fontes, e Mónica Ínsua Torralba, do IES Maximinio Romero Lema de Baio (Zas), co videopoema A xustiza pola man, resultaron, na mañá de hoxe, gañadoras da iXª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. Ambas estudantes foron premiadas durante o acto que se celebrou en Outeiro de Rei (Lugo) e no cal se expuxeron os doce traballos finalistas desta edición, dun total de case un centenar de videopoemas presentados por diferentes centros educativos de toda Galiza.  
O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, premiou o videopoema Adiós ríos, adiós fontes de Alicia González Pérez, “por unha potente lectura do poema que é capaz de provocar movemento no estatismo das imaxes, e que, coa inclusión da imaxe persoal consegue presentar unha historia viva”. Así mesmo, premiou o videopoema A xustiza pola man, de Mónica Ínsua Torralba, “por conseguir unha peza en que todo funciona: interpretación, fotografía, vestiario, lectura do poema, montaxe… e que o recurso de fóra de campo como elemento narrativo consegue unha sobresaliente estimulación dos sentidos e visualización activa”. 
O xurado acordou tamén conceder unha mención de honra a Julia Balboa Maquieira e Kiara Agulla Bonvehí, do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, polo videopoema Quíxente tanto, meniña, salientando as “poéticas e poderosas imaxes, que acompañadas de orixinais efectos sonoros consegue potenciar o ritmo intimista do recitado”.
O concurso de videopoemas que organiza a Casa-Museo Manuel María ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta oitava edición que se cerrou no día de hoxe contou con participantes de centros educativos de Lugo, Chantada, Pedrafita do Cebreiro, Cee, A Estrada, A Coruña, Compostela, Nigrán, Porriño, Zas, Trazo, Miño, Ferrol, Vedra, Pontevedra, Lalín e Marín.