A Casa-Museo Manuel María vén de facer pública a resolución do Xurado da 1ª fase da Vª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais que ten por obxecto premiar a mellor canción lírica para voz e piano escrita sobre un poema de Manuel María.
O xurado decidiu escoller 5 composicións para pasaren á fase final, o máximo que se prevé nas Bases da convocatoria. Unha vez abertas as plicas o resultado é o seguinte:
-Agora, que gastei os meus outonos, David Cuevas Sánchez, presentada baixo o lema “Recendo de silvas e moras”.
-Anceio, Marcel Chirilov Chirilov, presentada baixo o lema “Palabras que inspiran”.
-Morte, Julio Montero Rodríguez, presentada baixo o lema “Ignatius J. Reilly”.
-Agora, que é tempo de soñar, Saúl Aguado de Aza, presentada baixo o lema "Mar calmo".
-Bolboreta, Saúl Aguado de Aza, presentada baixo o lema "Mar calmo".
O xurado estivo presidido por Margarita Viso Soto, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga. Como vogal actuou Rosa Cedrón Fernández violonchelista e cantante. Tamén como vogal actuou Fernando Vázquez Arias, compositor e director de orquestra. Finalmente, realizou a función de secretario, con voz e sen voto, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María.
O certame, convocado na súa quinta edición, conta cun premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.