A Casa-Museo Manuel María vén de facer pública a resolución do Xurado da 1ª fase da IVª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais que ten por obxecto premiar a mellor canción lírica para voz e piano escrita sobre un poema de Manuel María.
O xurado decidiu escoller 5 composicións para pasaren á fase final, o máximo que se prevé nas Bases da convocatoria. Unha vez abertas as plicas o resultado é o seguinte:
-Tenrura, Manuel Pacheco Sánchez, presentada baixo o lema “Kosiesco”.
-O meu barco, Luis Serrapio Fernández, presentada baixo o lema “Marexada”.
-Nas leves tardes de outono, Yónatan Sánchez Santianes, presentada baixo o lema “No teu mar de tenrura”.
-Eu son de Outeiro de Rei, Manuel María Veiga Lombardía, presentada baixo o lema "Cepelo 29".
-Alborada, Xosé Alfredo Oliveira Pérez, presentada baixo o lema "Palla de centeo".
A canción gañadora determinarase entre estas 5 finalistas para o que se levará a cabo un concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María o día 4 de outubro do presente ano.
O xurado estivo presidido por Margarita Viso Soto, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga. Como vogal actuou Alejo Amoedo Portela. Catedrático de Música e Artes Escénicas na especialidade de Repertorios con Piano para Instrumentos. Tamén como vogal, Julio Cabo Meseguer. Catedrático no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Actuou de secretario, con voz e sen voto, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María.
O certame, convocado na súa cuarta edición, conta cun premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.