As composicións terán de ser escritas para voz de soprano con acompañamento de piano
Veñen de facerse públicas as bases do V Concurso Manuel María de Composicións Musicais (bases aquí). Un certame que ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.
O concurso está aberto á participación de todas as compositoras e compositores que o desexaren, tendo de prazo até o 15 de xuño. As composicións deberán ser orixinais, inéditas, sen estrear e cunha duración máxima de cinco mintuos e mínima de dous minutos e medio. A canción presentada terá que ser sobre un poema, de libre elección da persoa concursante, de entre todos os escritos por Manuel María (a Casa-Museo porá, a disposición de quen o solicitar, unha escolma de poemas de Manuel María en formato pdf).
Na presente edición as composicións estarán escritas para voz de soprano con acompañamento de piano.
O certame conta cun único premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta para todos os Conservatorios de Música de Galiza.