Noticias

As catro cancións finalistas da IIIª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais poderán escoitarse este martes, en concerto, na Coruña

image001.jpg

Alejo Amoedo, pianista, e Nuria Lorenzo, mezzasoprano, serán os encarregados de as interpretar no salón de actos da Academia Galega de Belas Artes 

 

O salón de actos da Academia Galega de Belas Artes acollerá este martes ás 20 horas o concerto “Ausencias” que protagonizarán o pianista Alejo Amoedo e a mezzosoprano Nuria Lorenzo. Nel inclúense as catro cancións finalistas da IIIª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais que vén organizando anualmente a Fundación do escritor para premiar a mellor canción de música lírica realizada sobre un poema de Manuel María (achégase o programa completo con esta nota). 
O Carro de María Mendoza, Mito de Luis Serrapio Fernández, Galiza e Neno de Saúl Aguado de Aza  foron as pezas finalistas da IIIª edición do concurso que se celebrou o pasado 26 de outubro na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, resultando premiada a canción Neno de Saúl Aguado de Aza, compositor, pianista e editor musical formado no Conservatorio Superior do Escorial e actualmente traballando para o Instituto Complutense de Ciencias Musicales de Madrid (ICCMU).
Esta actividade forma parte do programa Martes das Artes que está coordinado polo compositor e académico Juan Durán. A entrada será libre até completar o aforo do salón de actos da Academia Galega de Belas Artes (praza pintor Álvarez de Sotomayor, 1 (Panadeiras). 
Nuria Lorenzo
Titulada Superior en Canto polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Asistiu a clases maxistrais da mezzosoprano Helga Mueller Mollinari en Verona, Italia. É catedrática de canto no Conservatorio Superior de Música de Coruña.
Foi galardoada coa «Medalla de Galega Destacada 2014» en recoñecemento á súa traxectoria profesional. Gañadora do 2.º Premio Nacional de España no concurso J. J. M. M; 1.º Premio de Galicia no concurso Música Xove; 1.º Premio á Excelencia Musical na Coruña e o 1.º Premio á Interpretación Musical en Vigo. Foi bolseira pola Universidade de San Louis (EE. UU.) para estudar interpretación da canción española.
Gravou o CD titulado Lembrándote e (di)Versos Femeninos (RDC, 2022), este último co pianista Alejo Amoedo e a música de Juan Durán.
 
Alejo Amoedo
Alejo é máster pola Universidade de Vigo (2013) e doutor pola Universitat Politècnica de Valencia (2019). Pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia na especialidade de Repertorio para Piano con Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Acaba de presentar o seu último traballo discográfico: o LP en vinilo de 12 polgadas, A mansión dos anxos. Música de Salón de compositores pontevedreses do XIX e XX (Dos Acordes, 2024) para piano só.
Foi galardoado co «Premio da Crítica de Galicia» (2021) e co «Premio da Música Gregorio Baudot» (2022), este último concedido pola Sociedade Artística Ferrolá.
No 2022 foi elixido membro electivo do Plenario do Consello da Cultura Galega, nomeado director do Arquivo Sonoro de Galicia.
Desde febreiro de 2024 é académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes. Recentemente foi elixido membro numerario do Instituto de Estudos Vigueses.