A obra contará con un mínimo de 40 representacións nas cidades e vilas galegas grazas á colaboración do CDG, concellos e Deputacións
O Espazo Cultural Manuel María da cidade da Coruña, recentemente aberto ao público, serviu hoxe de escenario para a entrega do premio correspondente á 5ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración das Deputacións da Coruña e Lugo; do Centro Dramático Galego; das Mostras de Teatro de Ribadavia e Cariño e dos concellos da Coruña, As Pontes, Ames, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Catoira, Cedeira, Culleredo, Melide, Moaña, Monforte, Negreira, O Barco, O Grove, Oleiros, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Tomiño, Verín, Vilagarcía e Viveiro.
Nesta 5ª edición o premio recaeu na obra Semente de dramón, baixo a dirección de Sara Rey e Rafa R. Martínez, presentada conxuntamente a concurso polas compañías Ancoraxe Escénicas e Compañía Morraoconto sobre o texto teatral de Manuel María Semente de dramón dos medios de comunicación. O proxecto gañador “revisita a farsa de Manuel María botando man de referentes actuais, tanto estéticos como conceptuais, que afondan no bombardeo informativo ao servizo dunha sociedade na que a masa dilúe as individualidades e o capitalismo acaba sendo esa Pantasma Famenta que nos devora na súa arela globalizadora”.
O Xurado estivo presidido por Quico Cadaval, director, actor, e autor teatral, ademais de contador de historias; actuaron de vogais Paula Carballeira, directora, actriz, autora teatral e narradora oral. Premio Nacional de Literatura Dramática; Cristina Domínguez, docente da Escola Superior de Arte Dramática, directora e autora teatral. Exerceu de secretario Alberte Ansede, Presidente da Fundación Manuel María, que actuou con voz mais sen voto.
A resolución do premio foi tomada por unanimidade e o xurado remarcou que “a proposta profundiza no procedemento satírico de Manuel María apoiándose nun elenco e nun equipo artístico ecléctico, que bota man de diferentes ferramentas escénicas (música, cancións, coreografías) para achegar a mensaxe e a estratexia satírica de Manuel María. Así mesmo, salientou que “as dúas compañías asociadas, fascinadas pola actualidade da mensaxe do autor, indagan no “como”, “onde” e “quen” controla o relato nos mass media, servíndose dunha linguaxe artística anovadora e contemporánea”.
Finalmente o xurado destacou o acerto de que “a proposta escénica estea dominada por un alento lúdico que alivia e compensa a tensión crítica que une a obra de Manuel María, --feita naqueles tempos de incerteza e esperanza--, coa dramaturxia actual, que se esforza en deitar algo de luz no escuro panorama cívico que nos aparece no horizonte”.
Este Certame ten carácter bienal e está destinado ás compañías profesionais galegas. Nel prémiase a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levala a escena no prazo máximo de 10 meses. Despois estará en cartel, cando menos, até rematar o ano 2028.
Respecto ao premio outorgado adóptase unha fórmula orixinal que combina a axuda económica para producir o espectáculo e unha ampla xira de representacións. O galardón garante nada menos que 40 representacións en outras tantas cidades e vilas galegas grazas á colaboración das Deputacións, concellos e diferentes Mostras de Teatro. Ademais diso a propia Fundación achega 4.200 euros como axuda á produción e o CDG achega outros 15.000. O presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, resaltou precisamente a singularidade deste Certame en canto que “o mellor recoñecemento para unha obra teatral é a súa difusión pois, ao fin, o que máis desexa unha compañía profesional é chegar ao seu público.”
O encargado da entrega do Premio foi o propio Alberte Ansede, sendo recibido por Sara Rey, Laura Pouso e Miguel Gendre, directora e actores da obra premiada. No acto da entrega tamén participaron, ademais das persoas do xurado, Francisco Javier Núñez, Director do Centro Dramático Galego; e Natividade González, responsábel de Cultura da Deputación da Coruña.