Noticias

A obra "Berenguela na gaiola", das compañías Galeatro e Xarope Tulú, gaña o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais

a7s02873.jpg

A dramaturxia e a dirección da peza é de Paula Carballeira

A obra Berenguela na gaiola, das compañías Galeatro Compañía de Teatro e Xarope Tulú , e dirixida por Paula Carballeira Cabana , gaña o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais na súa 4ª edición.
O Teatro Principal compostelán serviu hoxe de escenario para a entrega do premio correspondente á 4ª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración do Centro Dramático Galego; as Deputacións da Coruña, Lugo e Ourense; das Mostras de Teatro de Ribadavia e Cariño e dos concellos da Coruña, As Pontes, Ames, A Rúa, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Catoira, Cedeira, Culleredo, Ferrol, Lugo, Melide, Moaña, Monforte, Muros, O Barco, O Grove, Oleiros, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Soutomaior, Tomiño, Verín, Vilagarcía, Vilalba, Vimianzo e Viveiro.
Nesta 4ª edición o premio recaeu na obra Berenguela na gaiola, con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira e presentada conxuntamente a concurso polas compañías Galeatro e Xarope Tulú sobre o texto teatral de Manuel María “Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela”. O elenco está formado por Alba Bermúdez, Tone Martínez e Atenea García acompañados de Nicolás Zamorano, Carmen Casal e María Torres na escenografía e iluminación, Lorena Calvo na caracterización, Xavier Bertolo no espazo sonoro e Sol Álvarez no deseño e traballo audiovisual.
En relación ao premio outorgado adóptase unha fórmula orixinal que combina a axuda económica para producir o espectáculo e unha ampla xira de representacións. O galardón garante nada menos que 40 representacións en outras tantas cidades e vilas galegas grazas á colaboración das Deputacións, concellos e diferentes Mostras de Teatro. Ademais diso a propia Fundación achega 4.000 euros como axuda á produción e o CDG achega outros 15.000. 
No acto de entrega participaron Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María;  Francisco Núñez, Director do Centro Dramático Galego; Miriam Louzao, concelleira de Capital Cultural de Santiago, así como algúns membros do xurado como a dramaturga, directora teatral e docente na ESAD, Vanesa Sotelo, e o presidente  Carlos Lorenzo, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.