Fundación Manuel María de Estudos Galegos
24/07/2016 - Compostela, Galiza
Desde os tempos da súa mocidade nunca lle fallou Manuel María á celebración do Día da Patria Galega nas rúas de Compostela. A imaxe e os versos do poeta percorrerán mañá esas mesmas rúas até A Quintana grazas ás amigas e amigos da Fundación.
O recinto do Festigal, no Campus Sur, acollerá diferentes propostas sobre Manuel María. A Casa-Museo terá un espazo na Zona de Asociacións para a venda de libros e outros materiais durante toda a tarde.
O 25 de xullo, Día da Patria Galega, era para Manuel María unha das festas polas que máis devoción sentía desde que, de mozo, comezou a tomar parte na súa celebración, limitada polas imposicións da ditadura franquista á chamada Misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval. Agás por un problema de saúde que lle impediu estar fisicamente nunha ocasión, acudir cada ano a Compostela, acompañado sempre de Saleta, foi para el unha cita máis que ineludíbel. Era mesmo común ollalo sempre no mesmo punto da Quintana ao remate da manifestación, á sombra do muro do Mosteiro de San Paio de Antealtares, baixo a placa que recorda o chamado Batallón Literario compostelán de 1808.
As amigas e amigos da Fundación Manuel María farán posíbel que a imaxe, e algúns dos versos, percorran mañá as rúas de Compostela desde a Alameda e até A Quintana a través dunha serie de estandartes que visibilizarán durante a manifestación a memoria e a obra do poeta. Quen quixer pode colaborar desta iniciativa, axudando a levar algún destes estandartes: o punto de encontro será a Cafetaría Alameda (Porta Faxeira), ás 11.50 horas.
Durante toda a xornada a Casa-Museo Manuel María terá presenza no espazo de asociacións do FESTIGAL, no Campus Sur, cunha tenda onde quen se achegar poderá adquirir publicacións e outros materiais sobre Manuel María. Entre esas publicacións que se poderán comprar estará Laio e clamor pola Bretaña, cuxa reedición se presentará ás 16.40 na Galería das Ideas e das Letras do mesmo recinto. Se quixeres coñecer que materiais de Manuel María poderás atopar mañá no FESTIGAL convidámoste a dares unha volta pola nosa Tenda Virtual, nesta mesma páxina.
A tarde deste 25 de xullo acollerá tamén, sen saír do recinto festigaleiro, distintas propostas arredor de Manuel María dirixidas a todos os públicos: desde o espectáculo de monicreques para público miúdo "Os soños na gaiola" de TÍTERES ALAKRÁN (17.10 horas, espazo infantil) até a actuación musical de Fran Amil e a tribo incomprensíbel cos temas do disco A voz do vento (no Café Concerto) ou a maxia de Martín Camiña.