Fundación Manuel María de Estudos Galegos
21/03/2016
A Federecion Galega de Municipios e Provincias, representada polo seu presidente, Alfredo García, vén de rubricar un convenio coa Fundación Manuel María, representada pola presidenta Saleta Goy, para que a veciñanza dos distintos concellos do país se achegue e coñeza a obra de Manuel María.
A través deste convenio, a FEGAMP achega aos concellos galegos unha proposta de actividades participativas, elaborada pola Fundación, tendentes a promover a lectura das obras do escritor entre os diferentes públicos. Así, entre outras, un concurso escolar de recitado poético, unha quedada literaria, a representación de pezas teatrais, rutas e itinerarios literarios, descubertas de animais e flora da contorna a través da poesía de Manuel María, elaboración de videopoemas, exposicións de ilustracións e fotografía dixital, concertos musicais…