Noticias

A Casa-Museo Manuel María conclúe o ano con máis de 9.000 obras catalogadas

vlcsnap-2025-12-08-17h50m13s159.jpg

09/12/2025

A Biblioteca da Casa-Museo está composta por 14.000 volumes

A biblioteca da Casa-Museo Manuel María reúne todos os libros que constituíron a colección do poeta galego Manuel María, entre os que tamén se encontran os procedentes de fondos da súa familia. Co falecemento da súa dona Saleta Goi, que formou con el un casal solidario e comprometido con Galiza e coa cultura do país, tamén se incorporou a súa biblioteca, transmitida á Casa-Museo do escritor. Con isto son, a día de hoxe, máis de 14000 obras alí reunidas, entre monografías, publicacións periódicas e audiovisuais.
 
O traballo do voluntariado da Fundación para ofrecer un servizo público en liña ou presencial
 
A Fundación Manuel María de Estudos Galegos vén levando a cabo a debida organización desta biblioteca valéndose esencialmente do traballo do seu voluntariado, coordenado por Xosé Manuel Pérez, responsábel do arquivo e biblioteca dentro do Padroado da Fundación.
Os fondos, que foran inventariados no momento de ser trasladados a Outeiro de Rei, están agora a ser debidamente catalogados xuntamente cos novos volumes incorporados que teñen a ver coa figura de Manuel María ou coa súa obra vital ou literaria.
A estas alturas xa están catalogadas máis de 9200 obras e subidas máis de tres mil imaxes de capas dos libros catalogados, manténdose o obxectivo de completar todo o fondo bibliográfico para mostralo ao público en xeral e ás persoas que se dedican á investigación.
Para a catalogación úsase o sistema de xestión de bibliotecas Koha, que é subministrado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (Amtega), e orixina un catálogo en liña que pode ser consultado libremente por calquera persoa con acceso a internet no seguinte enderezo web: https://casamuseomanuelmaria.biblio.gal/
Dentro dos volumes xa integrados no catálogo está toda a obra de Manuel María, con 479 referencias.
 
Unha das mellores bibliotecas dun particular.
A amplitude, diversidade e riqueza dos exemplares que atesoura esta biblioteca convértena nunha das máis importantes coleccións de libros dun particular. En concreto, do fondo xa catalogado, hai máis de 3000 libros de poesía, dos cales 1730 son de poesía galega, case trescentos máis de poesía portuguesa e outros 900 de poesía en lingua española. De narrativa hai máis de 1100 obras das que 700 son de narrativa galega e 300 en castelán nos que se inclúen interesantes libros de comezo do século XX de tema galego.
Obras que non son de ficción hai 3427 dos que máis da metade, 1842, son de tema especificamente galego (273 da provincia da Coruña e 346 da provincia de Lugo).
Os idiomas dos textos son o galego con 4825 obras, o castelán con 3400, o portugués con 620 e outros con menor número como son o catalán, francés, euskera, latín, etc.
Outras temáticas que podemos salientar son uns douscentos libros infantís, uns trescentos volumes editados na diáspora arxentina e un cento en Cuba.