Actividades

Un repaso á historia da música pop en galego

Un repaso á historia da música pop en galego

30/10/2025

Palestra de Pepe Cunha (Ábrete de Orellas) na Casa-Museo Manuel María

Estamos a vivir un momento vizoso para as músicas cantadas en galego e o foco mediático está posto na produción destes anos 20. Mais aproveitaremos esta palestra de Pepe Cunha, o sábado 8 de novembro, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María, para dar unha vista de ollos tempo atrás e pormos en valor as persoas que comezaron picar pedra ou sachar, quen deitaron muros de prexuízos ou abriron o rego polo que despois se puido transitar. Pepe Cunha repasará, dunha maneira sucinta, a historia, sinalando fitos e nomes chave, pioneiras, algunha rara avis, estilos ou movementos, porque cómpre (re)coñecer nomes que
foron populares e outros que deberon selo pola pegada que deixaron desde a década de 60 até hoxe. Los Tamara, Andrés do Barro, Voces Ceibes, o MPCG, o Bravú, a xeración do bipartito... serán obxecto da palestra e poderemos escoitar algunhas das súas pezas.
Pepe Cunha é o nome tras o proxecto galego de divulgación musical Ábrete de Orellas, activo desde hai 25 anos e Premio Martín Códax ao mellor espazo de comunicación Musical en 2016 e 2018.
Ábrete de Orellas naceu como programa musical a finais do século pasado e entrega cada semana unha nova edición de 60' que emiten as grellas da Rede Galega de Radios Libres e
Comunitarias (CUAC FM, Rádio FilispiM, Radio Roncudo, Radio Piratona, Radio Neria ...), algunhas municipais como Radio Redondela, Radio Allariz, A Xente de Teo ... e plataformas como Podgalego, Agora.gal, Pontevedra Viva Radio ... alén de se subir a Ivoox.com e Archive.
Cunha é autor do libro _Guadi Galego. Pola beira da canción_ (Embora, 2019), responsábel dos contidos da premiada exposición #cantáMOLAengalego (2000-2020) para o Concello de Pontevedra e da expo #GaleGoza para Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como partícipe en artigos en prensa, charlas, coloquios ou xurado de concursos musicais.
A actividade é de acceso libre mais é necesario anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.