Actividades

Quico Cadaval este sábado na Casa-Museo Manuel María

Quico Cadaval este sábado na Casa-Museo Manuel María

Co seu espectáculo "30 anos a contar historias. Notas de rodapé"

Este sábado, día 29 de marzo, ás 20 horas, o contador, dramaturgo e director, Quico Cadaval estará na Casa-Museo Manuel María para presentar o seu espectáculo "30 anos a contar historias. Notas de rodapé".
Quico Cadaval leva trinta anos a calcar os distintos camiños da memoria e da imaxinación. Tende a perderse e a reatoparse, sempre coa axuda do público. Os seus espectáculos pertencen a un movedizo mundo escénico que foi definida de distintas maneiras. Teatro da palabra, narración oral escénica ou literatura ao vivo, foron alguns dos xeitos de designalo. É un espectáculo mestizo entre o conto de lareira, o cabaret literario e o teatro épico.
Escoitar estorias de viva voz é unha das maneiras máis económicas de viaxar. A imaxinación da persoa que escoita na penumbra sobe como unha bolla de xabrón, seguindo, ás veces coa lingua de fóra, a imaxinación do contador. Outras veces as bollas de xabrón do público únense e forman a imaxinación colectiva. A forza do público, neses casos, faise poderosa e adianta a tímida imaxinación do contador, desprezando o perigo das curvas, rebordando os límites da realidade. Contar e escoitar estorias é un camiño ao inesperado.
Por iso, en Notas de Rodapé, Quico Cadaval, alén de revelar os truques e segredos do oficio, reclama a colaboración e o protagonismo do público. Os contos están feitos de anacos, de memorias, de lembranzas instantaneas, de experiencias inventadas. Pode tratarse da letra dun libro que entrou con sangue, da lembranza dun terror infantil ou dunha escena de western. As estorias énchense de prólogos e epílogos, mais sobre todo, de notas de rodapé. Comentarios para facer o conto máis divertido, máis elocuente, máis esclarecedor. Quico Cadaval, no transcurso do show, reclamará do público que faga perguntas, que o interroguen, que o obriguen a revelar o que nunca contou. E Cadaval responderá, mais a resposta sempre será outro conto, que se xunta ao conto infinito da humanidade. O espectáculo comeza cun morto nunha encrucillada, (a estoria que máis veces contou) e remata co conto mais fermoso do mundo. Polo medio, o que mande o público.
Reservas (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.