Actividades

Este sábado proxéctase na Casa-Museo o filme "Evocando Canto de emigración", de Pepe Coira

Este sábado proxéctase na Casa-Museo o filme

O salientábel e recoñecido guionista de Rábade, Pepe Coira, manterá un coloquio despois da proxección da película

Este sábado, 15 de febreiro, ás 19.30 hrs, na Casa-Museo Manuel María vai proxectarse o filme “Evocando Canto de emigración”. Unha obra producida por Ollovivo e que foi dirixida e guionizada por Pepe Coira.
 
O seu director describe o que se poderá disfrutar este sábado da seguinte maneira:
 
O que imos ver nesta sesión non é unha película. É a evocación dunha película. Unha película desaparecida.
Canto de emigración. Romance en imágenes sobre motivos gallegos (1935) foi un insólito filme de vangarda no que o ourensán Tony Román retratou o drama da emigración galega, procurando emular o cine dos grandes directores soviéticos, que aspiraban a un “cine puro”.
Canto de emigración non se conserva, pero si quedan vestixios: o debuxo de Castelao no que se inspirou; un feixe de fotografías publicadas na prensa da época ou gardadas polo seu protagonista; un argumento detallado; e, sobre todo, a partitura que Teódulo R. Páramos compuxo para acompañar pormenorizadamente as imaxes.
A partir deses materiais construímos esta evocación. A Orquesta Clásica de Vigo adaptou a música orixinal para a ocasión. A ela sincronizamos o argumento e máis as fotografías, e incorporamos fragmentos doutras películas coas que Canto de emigración se emparentaba.
O resultado é o que imos ver. Sabemos que é imposible devolverlle a vida a unha película perdida. Pero si podemos imaxinala.
Logo da proxección, as persoas asistentes manterán un coloquio con Pepe Coira, salientábel e recoñecido guionista que traballa en ficción televisiva así como longametraxes e series documentais (Cuñados, Rapa, Hierro, Mareas Vivas, As leis de Celavella, Hotel Vidago, A Seara...). Director de desenvolvemento e produtor executivo para diversas compañías (Portocabo, Filmax Galicia, Voz Audiovisual), Pepe Coira foi director do CGAI e é autor de diversas monografías e colaboracións en publicacións sobre historia do cine.
A actividade é de acceso libre. Reservas en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621