Unha contada de Carmen Conde
A narradora oral, dramaturga, actriz e directora Carmen Conde estará, este sábado, 30 de novembro, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María para contar O que non estaba escrito.
Carmen Conde leva 20 anos recollendo, escribindo e contando historias. Percorrendo toda a xeografía galega e conversando nos camiños con centos de persoas que lle legaron xenerosamente anacos marabillosos das súas vidas.
O que non estaba escrito, ten este título porque os relatos que vai contar este sábado non estaban escritos (certo!) mais tamén polo extraoficiais e polo especiais que son! Inspirados en todo canto apañou da oralidade, ficcionados pola propia narradora nunha mestura indistinguíbel entre realidade e imaxinación e devoltos á voz falada, a través de narracións desta sesión para público adulto. Unha escolma en que até a vida máis anónima roza o improbábel e a maior normalidade choca co delirio.
Unha sesión onde Carmen falará de curas que se namoran, faixas de millóns en casas de pobres, bebés nados de hortas, mulleres evanxelizadoras do pracer ou o primeiro explorador de buracos negros, entre outros...
Para asistir a este espectáculo é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621