O espectáculo reúne máis de 300 voces, músicos e músicas, que interpretarán os poemas de Manuel María, xunto a poemas de Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro
“As rúas do vento ceibe” é un ambicioso proxecto musical que nace a partir da musicalización de poemas desta obra de Manuel María, cuxa finalidade é pór en valor o seu legado a través dunha adaptación musical de grande formato.
O compositor, Xosé Carlos Seráns, é o autor da música destas pezas, interpretadas pola Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a mezzosoprano, Julia Portela Piñón e unha ampla representación coral de Galiza, cun un coro mixto -composto por cinco corais (Coro de Cámara Thalassa de María, Coro do Hospital de Lugo, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral de Solfa de Santiago de Compostela e Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra)- e un coro xuvenil -formado por tres coros (Peque Coro In Crescendo de Ferrol, Voces da Terra Chá e Coro do IES A Xunqueira de Pontevedra)-. Dirixe, o director de orquestra, David Fiuza,
O espectáculo reúne máis de 300 voces, músicos e músicas, que interpretarán os poemas de Manuel María, xunto a poemas de Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro, configurando unha montaxe de grande envergadura musical e de grande significación cultural para Galiza. O evento levarase a cabo o 15 de maio en Lugo, o 29 de maio en Pontevedra e o 30 de maio en Santiago de Compostela. Os tres concertos serán ás 20.30 hrs.
Os billetes, para poder presenciar este espectáculo, pódense retirar en:
-Lugo: poden solicitarse, desde xa, en liña: en https://entradaslugo.es ou presencialmente: no Vello Cárcere ou na Oficina de Turismo (Praza do Campo).
-Pontevedra: non hai que retirar. Entrada libre até completar o aforo.
-Santiago de Compostela: poden solicitarse, a partir do 19 de maio en liña: en https://compostelacultura.gal ou presencialmente: na Zona C (Preguntoiro, 1-Praza de Cervantes, en horario de martes a sábado, de 11 a 14 hrs e de 16 a 19 hrs).
O concerto está patrocinado pola Área de Cultura, Patrimonio Histórico-Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, polo Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Dinamización Social e Cultural, e pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Tamén colaboran a Concellería, da Área de Cultura,Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e o Concello de Santiago de Compostela.