Un espectáculo que camiña entre as músicas tradicionais da Galiza e do Brasil
O dúo Baraza, composto por Alberte Núñez (acordeón diatónico) e Uxía García (frauta e voz), estará este sábado, día 25 de abril, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María, para presentar o seu proxecto Remelexo. Un espectáculo de música tradicional galega e brasileira combinado con imaxes e narración.
O concerto, que ten como fío condutor a vida de Diniña, unha muller galega que ten de emigrar para o Brasil, fai un percurso polas disintas músicas tradicionais de ambos países, Galiza e Brasil. A frauta, o acordeón e a voz, cantada e falada, únense con barazas para ofrecer un espectáculo cuxo final decidirá o público asistente.
Alberte Núñez, músico e mestre, compaxina a súa actividade como acordeonista e arranxista coa de docente en asociacións culturais, entre outras na Tradescola de Lugo, alén de de impartir obradoiros e concertos didácticos sobre o seu instrumento. Como intérprete participa e participa en formacións como Comando Curuxás, Os Viqueiras de Ordes, DúbidaDúo Trío ou Molime. Son numerosos os proxectos e traballos discográficos en que ten participado, quer no plano tradicional, quer noutros ámbitos como o jazz, blues, choro, klezmer ou folk.
Uxía García, frautista e filóloga, cursou os estudos profesionais e superiores de música en Santiago e na Coruña. Foi alumna da Escola de Altos Estudos Musicais e ten participado e tocado en numerosas formacións de banda popular. Aínda que a súa formación se completou no ámbito clásico, sempre estivo ligada á música tradicional galega. Na actualidade forma parte, tamén, do Coro da Ra.
Para asistir ao concerto é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621