Actividades

As cancións máis molonas de Pakolas este sábado na Casa-Museo Manuel María

As cancións máis molonas de Pakolas este sábado na Casa-Museo Manuel María

Dirixido para nenas e nenos entre os tres e os dez anos

O público infantil e familiar poderá desfrutar das cancións máis aclamadas de Pakolas, este sábado, día 21 de novembro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María. O músico presentará As máis molonas de Pakolas, un concerto onde soarán, con moito humor e moito rock, as mellores cancións da súa discografía. 
Coa súa forza interpretativa Pakolas guiará, a través da súa voz e guitarra, o público asistente por un espectáculo onde a interacción e a participación coas nenas e nenos, a animación, as súas caracterizacións e a súa música son o principal atractivo. Música tirada dos seus traballos Pakolas; Ramona Órbita, a dona do tempo; e A Ramona pequena vai á Lúa. 
Paco Cerdeira (“Pakolas”), é un músico, compositor e produtor que leva dedicándose ao público infantil desde xa hai máis de dezanove anos, comezando no seus inicios, e durante dez anos, co grupo Mamá Cabra, para formar en 2014 a súa banda, A Gramola Gominola, e en 2015 o seu proxecto máis persoal Pakolas. Con este último leva editado catro traballos: Pakolas (2017), Ramona Órbita, a dona do tempo (2020), A Ramona Pequena vai á lúa (2023) e Ecoralia, a lambona ecolóxica (2024). 
O concerto vai dirixido para nenas e nenos entre os 3 e os 10 anos. Para asistir é necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.