Fundación Manuel María de Estudos Galegos
Sinopse/Descrición
Recolle a correspondencia entre estes dous vultos da literatura e cultura galega contemporánea, así como un amplo estudo introdutorio de Xosé M. Sánchez Rei e Estefanía Mosquera. Embora pertencentes a xeracións diferentes, os dous mantiveron unha interesante relación de admiración e respecto mutuos e partillaron o compromiso co país e cos sinais identitarios do pobo galego tal como se pode aprezar na presente publicación.
Escolma
Trasalba 27-XII-1958.
Sr. Dn. Manuel Maria. Lugo
Querido e lembrado poeta: Vai meu saudo de amigo e miña espranza dos días crecedeiros agradecendo o cantigar de augas novas da sua panxoliña diste ano. Cando penso no norde, en Lugo e seus poetas de abrente e luzada espreito pra Serra Martiñá(1) e endexamáis falla un ventiño fresqueiro e baril, unha nuben i alba, pura e metafísica.
Estou desexando vernos de novo en Compostela coma nos tempos de fai pouco que xa semellan vellos cando eu podía falar cada mañán dende a cadeira.
¡Qué o 59 nas suas ponlas agrome novos poemas de Manuel María!
Sempre o vello amigo.
Ramón Otero Pedrayo.
1 A Serra da Martiñá áchase entre as actuais provincias de Lugo e Ourense.