O Miño, canle de luz e néboa. Percorrer o Miño da man de Manuel María

Título
O Miño, canle de luz e néboa. Percorrer o Miño da man de Manuel María
  O Miño, canle de luz e néboa. Percorrer o Miño da man de Manuel María
Descrición

A exposición está baseada no libro de Manuel María O Miño, canle de luz e néboa, e combina poesía co estudo do río Miño.
As características da exposición son: 10 paneis de lona flexíbel de 1 metro de largo e 1,70 de alto. A Casa-Museo cédea gratuitamente ás entidades que a quixeren solicitar, custeando as solicitantes os gastos de envío.
Os seus autores son Adela Leiro e Mon Daporta, e é froito dun  traballo de colaboración entre o IES Francisco Asorey, a Casa-Museo Manuel María e o Concello de Cambados. A exposición ten a súa orixe nun traballo realizado polos alumnos e alumnas de Ciencias Naturais de 1º da ESO do IES Francisco Asorey de Cambados, en 2013, no proxecto “Auga que corre”, no Ano Mundial da Auga, en que se quería facer fincapé na importancia dos ríos para vida e a economía e o seu carácter cultural.
Manuel María amosou ao longo da súa obra un forte apego á natureza e asumiu desde o primeiro momento a defensa de todos os elementos que a conforman, desde o máis pequeno dos regatos ao río principal, as árbores, as criaturas grandes e pequenas, as plantas silvestres e as plantas que dan de comer, os animais que traballan e os que gozan da vida en liberdade… Ningún elemento foi alleo, ou deixado de ter en conta, e todos foron tratados cun intenso agarimo e un afectuoso sentimento. Entre todos ocupa un lugar principal o río Miño, ao pé do que naceu e que estivo desde sempre presente na súa obra.
O poeta introduce o seu libro O Miño canle de luz e néboa (1996) sinalando o seguinte: "O autor procurou, na medida das súas escasas e limitadas forzas, con este libro, dicirlle ao Miño, na actualidade tan agredido, o seu apaixoado amor, contando e cantando, como pode e sabe, os traballos e os días do noso Grande Río. Non en vano as súas caudalosas augas arrolaron o noso berce, asombraron a nosa infancia, puxéronlle alegre e desbordada música ás poderosas paixós e desasosegos da nosa adolescencia e xuventude e, nos anos da nosa madurez, o seu monótono rumor encheu a nosa melancónica nostalxia, pois a vida non nos permitiu permanecer ao pé do Miño natal como era o noso desexo, para, á súa beira, ir gastando as nosas horas medidas polas mansas ou alporizadas ondas".
 

 

AutoríaAdela Leiro e Mon Daporta
EditorIES Francisco Asorey, Casa-Museo Manuel María e Concello de Cambados
[Descargar]